Opinión

Somos culpábeis en tanto non sexamos declarados inocentes

Hai uns seis anos iniciei unha serie de artigos en Eldiario.es a comentar a vida social e política española, despois de que El País decidira que as miñas opinións xa non eran do seu interese, e até hai un ano fíxeno semanalmente.

A experiencia foi interesante, mais houbo momentos nos que dubidaba do meu xuízo: o que eu constataba que ocorría e contaba nas miñas columnas estaba a ocorrer realmente? Realmente estaba a ocorrer unha degradación tan grande da vida pública? Realmente se estaba a eliminar o dereito á protección da xustiza? Realmente o saqueo do estado e das economías particulares estaba a ser diante dos nosos ollos e a vida pública continuaba igual? Realmente os poderes económicos, aliados cos poderes do estado e coa complicidade de tres partidos estatais estaban controlando a conciencia da poboación a través dos seus medios de comunicación? Era eu o único que pensaba que os grupos de comunicación xogaban cos partidos, cos do bipartidismo e cos dous novos, para conducir o proceso político do modo que lles interesaba?

Houbo momentos nos que dubidaba do meu xuízo: o que eu constataba que ocorría e contaba nas miñas columnas estaba a ocorrer realmente?

 

Houbo momentos nos que dubidaba do meu sentido da realidade, até as voces que semellaban máis críticas desde Madrid me facían ver que esaxeraba. O conto é que eu pensaba que efectivamente aquilo era unha esaxeración, mais que era real. A estratexia de estado, non do goberno do PP senón do estado, contra a rebelión cívica catalá espiu a natureza antidemocrática deste estado. Naturalmente houbo antes mostras diso para quen o quixo ver, sindicalistas, activistas, artistas xulgados e condenados por defender os seus dereitos.

Houbo momentos nos que dubidaba do meu sentido da realidade, até as voces que semellaban máis críticas desde Madrid me facían ver que esaxeraba

 

E houbo un episodio gravísimo que semella que non se lle deu importancia, pois a vida política é por veces frenética: cando na mesma campaña electoral ás lexislativas do parlamento español o portavoz do BNG entón, Xavier Vence, e o secretario de organización, Bieito Lobeira, foron chamados a declarar na Audiencia Nacional madrileña en relación cunha causa fantasmal contra o independentismo galego, acusado todo el indistintamente de violencia. Algún día deberiamos poder coñecer a transcripción das preguntas do xuíz e as declaracións.

Mais a resistencia da sociedade catalá á represión policial deste estado mostra de modo evidente que a miña visión non era esaxerada, o que é esaxerado é este estado gobernado por ladróns que rouba e persegue a inocentes. O que se mostrou foi que a reforma do estado franquista formulada na Transición chegou nun camiño de retorno de volta á súa orixe. E a xurisprudencia que foi establecendo unha xustiza que perdeu calquera independencia que puidese ter determina que xa non é posíbel unha lectura democrática desta constitución, o estado é un estado autoritario. E Europa e o mundo deben de sabelo. Aquí todos somos vixiados pois todos somos preventivamente culpábeis de querer vivir en liberdade e este estado non o permite xa.

Comentarios