Opinión

Revisión

Véxome obrigado a revisar a miña vida, supoño que iso lle estará a pasar a moitas persoas. O primeiro que me vexo obrigado a recoñecer é que, nacido e vivido no franquismo e, despois, no posfranquismo, xa nunca verei unha república nin coñecerei unha verdadeira vida democrática, un país sen medo. E o meu país seguirá tempo aínda expulsando xeracións á emigración. Non sei xeracións futuras.

O segundo é recoñecer o fracaso como cidadán, non hai que negalo. Como tantas outras persoas, aínda que nin votei nin gustei os acordos políticos que deron lugar á constitución monárquica vixente, mesmo combatinos democráticamente, aceptei esa realidade e vivín dentro dela mirando de conseguir o mellor para min, para as miñas ideas, para o meu país.

Nunca me enganei sobre o carácter deste estado, o franquismo reformado, aínda así intentei obter o máximo del como cidadán

 

Nunca me enganei sobre o carácter deste estado, o franquismo reformado, aínda así intentei obter o máximo del como cidadán. Coido que a primeira lexislatura de Rodríguez Zapatero tropezou cos límites posíbeis, leis como a de igualdade de xénero ou o matrimonio homosexual tiveron hostilidade grande, mais o que tocou os nervios deste réxime da Transición foi a Lei de Memoria histórica que, coas súas limitacións, resultou boicoteada e nunca realizada e o estatut catalán, boicoteado desde a dereita, desde a corte madrileña e os poderes económicos e desde dentro do seu propio partido. Non esquezo que desde dentro do estado chegouse a unha conspiración militar con tal motivo, coa consecuencia dun xeneral pasado á reserva. O ataque ao autogoberno catalán deixou claro o límite de toda evolución do sistema político vixente e a dereitización e recentralización final.

O federalismo, esa palabra que algúns quixemos viva e que algúns outros manexaron antes de velos nestes días aliñados co 155, está morto. Quen diga que é posíbel algunha interpretación federal desta constitución ou algunha evolución nese sentido simplemente mente. España é a corte madrileña e as súas provincias, e canto máis ignorantes e empobrecidas máis seguirán aos seus amos aos berros de “¡Vivan las caenas!” e “¡A por ellos! Oé!”. España non ten cura, así a queren os seus amos.

Comentarios