Opinión

Revisar a transición

Vivimos a historia a través do prisma da nosa xeración. Custa ter perspectiva fóra desa vivencia xeracional, cousa necesaria cando estamos a vivir unha crise do estado instituído polos xenerais nacionalistas españois en Burgos en 1936 e reformado en 1978.

Quen é capaz a revisar con distancia autocrítica como foi o tránsito entre o último franquismo e a reinstauración da monarquía nesta constitución? Quen é capaz a aceptar de vez a evidencia de que Franco morreu no seu leito como tiña previsto e todo foi seguiu os seus plans? Quen acepta que non mudamos apenas o que estaba trazado entre os EEUU e os servizos secretos deste Estado?

Que non tivemos forza para romper a continuidade institucional deste Estado e abrir un verdadeiro proceso democrático? Que tragamos a Xefatura do Estado e dos exércitos imposta por Franco e o deseño das institucións e do Estado, coa modificación da representación de procuradores en cortes a deputados de partidos legalizados? Que se garantiu a continuidade da oligarquía parasitaria do Estado centralista e dos franquistas nas institucións e na entrana do Estado? Que seguiu a ser o Estado nacionalista españolista, obsesionado con controlar e manter afogada a diversidade nacional interna? Que o poder do Borbón foi e mais é un poder efectivo por riba do parlamento?

Que o que conseguiron modestamente vascos e cataláns nas primeiras cortes constituíntes en 1977 e 78, o recoñecemento de que as “nacionalidades” tiñan dereito á autonomía, foi afogado conscientemente a partir das negociacións entre UCD e PSOE nos anos inmediatamente posteriores? Que a Galiza non estivo nesas negociacións e que case perde a oportunidade da autonomía entre 1979 e 1981, malia as mobilizacións a prol da autonomía? Que foi Antonio Rosón Pérez, presidente da Xunta preautonómica, e non un nacionalista galego quen tivo o valor e a oportunidade de declarar o 25 de Xullo “Día Nacional de Galicia”?

Quen ten o valor de recoñecer que a esquerda nacionalista galega, o galeguismo político, non foi protagonista, capaz a liderar e conducir un proceso constituínte como propuñan con ilusión as “Bases Constitucionais da Nación Galega”? Que a visión da realidade social que tiña era ilusoria, que o réxime si coñecía perfectamente o débil e atrasada cívica e politicamente, o humillada que era a sociedade, o noso país, e que as organizacións que postulaban unha ruptura democrática traballaban cun voluntarismo que negaba a realidade?

Revisando aquel pasado fundador desta fraude democrática nacida da Transición uns teñen que asumir a súa inocencia, para non repetir e aprender agora a aceptar a realidade deste tempo. E outros deberan aceptar que avalaron este calote democrático. Revisar como apareceu da nada un PSOE refundado xustamente para avalar a manobra da restauración borbónica e revisar o papel do PCE. Un partido que loitou como ningún tras a guerra civil e que, apartado Jesús Monzón e conducido por Carrillo, acabou por entregar o esforzo e sufrimento de militantes a cambio da legalización. O seu “Viva el Rey!” e asunción do himno e bandeira borbónica foi a rúbrica da Transición.

Comentarios