Opinión

Unha resposta propia

Inmediatamente tras o día de eleccións recibín unha lección ben merecida. Tres persoas distintas de diferentes lugares e con vidas diferentes expresáronme con rotundidade a súa satisfacción polo resultado electoral. De primeiras expresei o meu pesar pola nova vitoria de Feijóo, aínda que de seguido me alegrase do resultado do BNG, corrixíronme enerxicamente: fora un bo resultado electoral.

Partían da realidade existente, o PP tiña previamente moitas posibilidades de gañar e, pola contra, celebraban que se aclarase o panorama político e non entrase VOX nin Ciudadanos, o franquismo evidente non ten acomodo aquí. E desaparecesen Podemos e confluencias, mesmo expresaron un profundo desprezo e sabor amargo polos conflitos e división que crearan. Dicían cunha claridade que me sorprendeu o que eu propio pensaba e non me atrevía a dicir en alto, agora xa é evidente, o carácter finalmente destrutivo e o amargo que deixou ese experimento político duns profesores da universidade madrileña que aquí seguiron e imitaron franquías locais.

Houbo unha ocasión na que sentín, case como unha morrada, a cultura humillante e colonial dese fenómeno cando lle ouvín dicir a un político da “nueva política municipalista, rupturista” que, cal Juan Bautista existiu para anunciar o advento do Mesías, tamén “Nunca Máis” fora un “antecedente” do “15-M”. Era a perversión da nosa realidade como sociedade, como país reducíndonos a ser un ensaio do que fixeron anos despois mocidade madrileña acampada na Puerta del Sol. Se iso fose así hai que recoñecer que as e os galegos tivemos mérito pois daquela aínda non nos viñan profesores madrileños a explicarnos como autoorganizarnos e facer o que cumpría. Nin sequera se inventaran as redes sociais e LaSexta. Se non o tivese claro antes, naquel momento comprendín o sentido dunha operación política deseñada para integrar unha nova xeración no nacionalismo españolista e centralista, conducido por unha xeración de novos políticos profesionais encerrada en si mesma e posuída da ilusión de tocar poder xa, unha xeración política caducada a velocidade vertixinosa. Non sei se serán capaces a volver a unha realidade compartida cos demais ou se encerrarán na frustración.

Galiza non é o que ven a corte, alí só ven o propio embigo. Non somos o sereno e a criada da zarzuela "Agua, azucarillos y aguardiente". Non somos “terruño”, “provincias” ou “territorio” dos nosos amitos que extraen de aquí recursos económicos e humanos, xeracións que emigran, mesmo os nosos votos. Ten razón, aínda que minta, Feijóo cando di que Galiza votou o que lle petou. E petoulle unha resposta reactiva e autoafirmativa como país. País, o elitismo de urbanitas paifocos despreza o que nos alimenta e dá vida. Fronte a xestión hipercentralista da pandemia que fixo Sánchez, Feijóo marcou distancia e vestiuse co traxe da Xunta de Galicia e “Galicia, Galicia, Galicia”. E o BNG, cun programa claramente social, ninguén dubida que o seu éxito electoral é a nosa afirmación nacional. Pode gustar máis ou menos, mais foi un resultado racional.

Comentarios