Opinión

República contra o medo

Felipe VI de Borbón vén de abrir a lexislatura cun desfile militar. Para que non esquezamos de onde lle vén o poder ao xefe do Estado desta monarquía “constitucional”. Nunca foi máis significativo ese desfile de fusís con baioneta calada diante do parlamento, unha cerimonia á que asiste o Presidente do Goberno de pé nun chanzo por debaixo do monarca.

Felipe de Borbón é distinto do seu pai, Juan Carlos. Juan Carlos nos seus bos tempos tería manobrado con astucia para evitar que o Estado como tal castigase dese modo a Catalunya, porque non é certo que estes reis non gobernen, mentres Felipe foi quen animou desde atrás esa carga policial, política e xurídica. Con frecuencia son as netas e netos quen se enfrontan á xeración dos pais, e sintonizan e reivindican os avós. O de Juan Carlos e o de Felipe son reinados distintos, unha análise deste reinado tan autoritario e reivindicador do “abuelito” Franco non o lerán na prensa da corte. Sen embargo vivimos unha etapa enmarcada por este Borbón Felipe e conducida por el. Cousa que hai uns meses si comentou o Times e ve Europa.

É neste marco no que ten que actuar Pedro Sánchez, co rei de fronte. Esa é unha realidade, a democracia española, xa falsa de nacemento, encolleu e retrocedeu nestes últimos anos nun proceso que conduce ao colapso do sistema político e á fin da monarquía. E condúceo este rei pola súa propia man. Resulta mesmo sorprendente a súa cegueira.

A noticia deste comezo de lexislatura non foi o desfile militar. Tampouco os berros de “Viva España e viva o rei!” dalgúns deputados, tampouco os aplausos dos ministros socialistas e de Unidos Podemos. Xa hai décadas que Carrillo agachou as bandeiras republicanas e berrou “Viva el Rey!”, nada novo. A novidade é que esta lexislatura ausentáronse da inauguración presidida por este rei corenta e nove parlamentares e deputadas e deputados. Hai un antes e un despois.

Os desfiles militares e as ameazas políticas e xurídicas pretenden meternos medo, aumentar un medo que sempre estivo aí, porque esta é a democracia e a monarquía do medo, mais non poden evitar unha distancia cada día maior entre a monarquía e a sociedade e que este Borbón cre que pode solucionar pola forza. A noticia este ano é que a sociedade española elixiu 49 representantes republicanos. E que o españolismo nega o republicanismo, son as nacionalidades negadas quen ofrece o camiño da república. Porque as repúblicas son para nós liberdade e alegría, a república é o que espanta o medo.  

Comentarios