Opinión

Un proceso en marcha

O fume vai tardar semanas en disiparse, o proceso de redefinición da política española vai durar non semanas senón meses.

O fume vai tardar semanas en disiparse, o proceso de redefinición da política española vai durar non semanas senón meses. Hai que deixar nalgún lugar da mente a previsión de que sexan convocadas unhas novas elecións dentro de dous meses, esa é unha posibilidade real. Caso de ser así eses dous meses terían sido fatigosísimos tanto para a sociedade como para os partidos implicados, co conseguinte desgaste de uns e o aproveitamento de outros.

Probábelmente sexa ensaida a fórmula dun goberno progresista que precisará da colaboración de forzas propias catalanas e vascas, mágoa que non conte nese momento unha forza propia galega, mais é o que hai.

"Probábelmente sexa ensaida a fórmula dun goberno progresista que precisará da colaboración de forzas propias catalanas e vascas"

Como a política é esencialmente loita polo poder e o que corresponde agora na política galega é pensar en como conseguir poder nas próximas elecións autonómicas. Neste momento o partido que goberna a Xunta non ten forza para conservala, de non haber mudanzas perdería as próximas elecións. Outra cousa é imaxinar quen pode dar esa batalla e que goberno sería desexábel.

Tras as elecións municipais do pasado mes de Maio fíxose visíbel a debilidade do PP de Feijóo e foi precisamente iso o que motivou o noso intento de agrupar as forzas que custionaban as políticas antisociais deseñadas pola Comisión Europea e que dicían compartir a idea do noso país como nación, ese era o intento de que a Galiza tivese un grupo parlamentar soberano. Sabemos que non foi así, no agrupamento que era AGE prevaleceu o acordo previo establecido co grupo madrileño de “Podemos” e aos demais só nos deu tempo a artellar a última hora “Nós”.

Porén, non nos podemos enganar de máis, aínda que tivésemos un mes máis non poderiamos contrarrestar as poderosas forzas que conformaron a operación de reformulación do sistema partidario español. Aínda que tivésemos conseguido que “Nós” fose unha marca máis coñecida iso non nos tería garantido que o electorado optase por esa opción, había unha corrente de cambio moi profunda no electorado e foi conducida enérxicamente polos medios de comunicación madrileños. Basta pensar no resultado electoral de Ciudadanos cando non tiña presenza humana ningunha no noso país, a xente dialogou co imaxinario creado nas pantallas de televisión. Claramente iso beneficiou tamén á marca de Podemos entre nós, non hai que romper moito a cabeza.
Sexa como for o que hai por diante a quen queira intervir en política, loitar polo poder é considerar novamente as posibilidades de establecer unha alianza electoral sobre un programa de cambio económico e social e coa consideración da Galiza como nación soberana. Se iso fose posíbel, unha alianza entre “Marea” e “Nós”, podería resultar unha candidatura que disputase ao PP mesmo o ser a primeira forza electoral e, sen dúbida, a posibilidade de gobernar a Xunta apoiándose nun PsdeG que desde a retirada e Pérez Touriño non consegue erguer un proxecto galego propio. De non conseguirse esa alianza nacional galega serían tres as candidaturas a construir a alternativa ao PP.

"Aínda que tivésemos un mes máis non poderiamos contrarrestar as poderosas forzas que conformaron a operación de reformulación do sistema partidario español"

O fracaso do proceso de unión para unha candidatura nestas pasadas elecións xerais conduciu inevitábelmente a unha competición agónica, coas conseguintes feridas, porén a responsabilidade dos políticos é sobreporse a esas emocións e encontrar modos de avanzar para conseguir os obxectivos, neste caso que o galeguismo político goberne a Xunta. “Nós” foi unha candidatura fortemente impregnada de valor moral que contrastou cun oportunismo tan dominante nesta campaña conducida polos poderes establecidos, mais urxe facer política con mente clara.

Debemos empezar por constatar que o resultado electoral reflicte unha demanda social de cambio de época, isto é de cambio xeracional. Ese carácter de cambio xeracional é dominante e débeo seguir a ser, e a corrente cultural e política que non o comprenda plenamente perderá o paso da historia. Outra cousa é retratar os rasgos da xeración que vai ser dominante na próxima década, tamén será preciso coñecelo para ver tanto as súas potencialidades como as súas limitacións. En todo caso, a crise económica fixo que unha xeración vise coutadas as súas posibilidades de existir e reaxiu negando a política establecida e reclamando formas e instrumentos propios.

Tanto “Ciudadanos” como “Podemos” teñen ese carácter de nova xeración biolóxica e cultural. E ao 15-M haille que agradecer aquela crítica ás concepcións dos partidos establecidos, expresaba unha nova cultura política e cívica moi lonxe da cultura burocrática de todos os partidos establecidos. E iso atinxía a todos, tamén aos partidos de esquerda, tamén ás esquerdas nacionalistas alternativas, tamén ao BNG. Quen soubo aproveitar ese momento de crítica e esa enerxía nacida do desencanto foi o grupo madrileño que montou “Podemos”, que se transformou no seu altofalante. Os partidos anteriormente existentes non souberon, non podían, facer unha crise de autocrítica e transformación tan repentina e ensaiaron modestamente reformulacións ao rebufo de “Podemos”. O BNG probou a intentar abrirse, sen moito convencemento, con “Asembleas abertas”. É máis doado comezar algo desde cero que transformar o que existe e que naceu noutro momento e doutra maneira. “Ciudadanos” e “Podemos” xa están agora vivindo a súa transformación de líquido a sólido, de movemento a estructura e lóxicamente perderán atractivo e frescura, porén se o BNG non continúa e reforza o momento de revisión autocrítica, de observación do entorno e abertura social que iniciou con “Nós”, daquela perderá utilidade social. Hai un tempo para cada cousa e tamén para cada un de nós, non acredito en que a xente de poucos anos sexa nova, hai novos moi vellos, e que unha persoa vella sexa forzosamente antiga, porén corresponde que unha nova xeración asuma as súas responsabilidades. E que o faga aproveitando o que haxa de aproveitábel nas xeracións anteriores mais coa liberdade precisa para moverse nun tempo novo cos xeitos e ideas propias dese tempo.

"Hai un tempo para cada cousa e tamén para cada un de nós, non acredito en que a xente de poucos anos sexa nova, hai novos moi vellos, e que unha persoa vella sexa forzosamente antiga"

E calquera reflexión e calquera paso debe partir de recoñecer a realidade do país no que nos movemos e ao que pertencemos. E este resultado electoral obríganos a ver a debilidade da conciencia nacional galega, se o PSOE tivese creado aquí hai tempo un verdadeiro PsdeG gobernaría a Xunta hai moito tempo. A marca “Mareas” foi un banderín de enganche para moita xente progresista que quería cambio en Madrid e que non asume que iso se faga desde a soberanía, pactando nós como nación, abóndalles unha certa autonomía que nos recoñeza nacionalmente dun xeito abstracto e vago. Esa debilidade é un rasgo profundo, estrutural, do noso país: somos unha minoría quen facemos por que este país sexa soberano.

O BNG deu uns pasos nos últimos meses dunha grande valentía moral e intelectual que non lle foron nin lle han ser recoñecidos, ese é o signo sempre para quen estamos en minoría, mais non debera arrepentirse nin renegar do andado. Ao redor desa organización puidemos organizar unha posición moi digna, firme e necesaria que mereceu o respecto de moitas persoas desenganadas e cépticas. Agora recae no BNG unha grande tarefa e responsabilidade, insistir nesa valentía demostrada para seguir transformándose e afrontar unha realidade social moi dura. A nosa.   

Comentarios