Opinión

Os presos políticos menten

Do mesmo modo que abondos políticos, xornalistas e comentaristas españois difaman e fan burla dos políticos cataláns exilados para non ir presos, tamén rin agora das declaracións perante o xuíz dos que están presos. Din que dixeron que acatan a Constitución, que non farán declaracións de independencia unilaterais e non sei cantas máis cousas din que dixeron.

Non entro en se é lexítimo non acatar esta ou outra constitución ou declarar unha independencia da forma na que se declararon todas que eu saiba, unilateralmente, tampouco entro en se foi prudente desde o punto de vista político dar os pasos que deron e da maneira nas que os deron (aínda que, case sempre, as cousas facémolas todos da maneira que nos deixan facer). No que entro é en que esas persoas están presas claramente polas súas ideas políticas, non por ningún feito probado, entro en que son reféns dun estado que demostra non ser democrático e non respectar nin os procedementos xudiciais nin os dereitos da cidadanía, un estado xa que logo ao que debemos temer todos pois trátanos como súbditos sen dereitos e non como cidadáns.

Eu propio no ano 74 cando pasei por comisaría e o comisario da Brigada Político Social me leu a ficha declarei en perfecto castellano que nada de aquilo era certo e que eu era admirador das ideas de Manuel Fraga Iribarne

 

E entro en que as persoas que están presas polas súas ideas, e non por roubar ou agredir, para poder saír libres cando o xuíz lles pregunta polas súas ideas, menten. É o que faría calquera (eu propio no ano 74 cando pasei por comisaría e o comisario da Brigada Político Social me leu a ficha declarei en perfecto castellano que nada de aquilo era certo e que eu era admirador das ideas de Manuel Fraga Iribarne, que acababa de deixar caer a idea de que o Réxime debera permitir a existencia de clubes políticos). A proba de que son presos políticos, de que o estado os ten presos polas súas ideas, é que non hai peritaxe posíbel de roubo ou dano cometido por eles, só cabe indagar o que pensan. O xuíz pregunta, cre que non lle din a verdade e déixaos presos.

Porque hai democracias, mais isto é o Reino de España. España segue a ser España, non eterna mais si perenne.  

Comentarios