Opinión

Presidencia 0

A historia da nosa autonomía é ben cativa, foi un desperdiciar unha oportunidade histórica e aí temos todos máis ou menos responsabilidade.

E houbo presidentes que durmiron beatificamente malbaratando a súa función, como Albor, e houbo presidentes que fixeron cousas concretas nalgúns sectores como agricultura ou cultura mentres que permitían que un “goberno amigo” deixase ao noso país marxinado das grandes infraestruturas de comunicación que construía o estado co diñeiro europeo, como foi González Laxe. E houbo presidentes que tomaron en serio a súa presidencia e que polo seu concepto da política ataron e afogaron o país para poder mandar el eternamente, como fixo Fraga Iribarne. Hai unha paréntese razoábel, que é a presidencia de Touriño, con Quintana a carón, no que aproveitan os límites do limitado autogoberno para tirarlle partido ao presuposto e poñen a andar tantas cousas que non houbo tempo a continuar. Mesmo plantexan xa a elaboración dun novo estatuto. E logo está o ermo, o baleiro, a presidencia 0 que é Núñez Feijóo.

Fraga Iribarne foi un Gargantúa que devorou o aire e a liberdade para engordar o seu poder, deixou ben trabado o sistema de dominación autoritario grazas ao control non só dos medios públicos senón tamén dos privados. Ese sistema recolleuno Feijóo e é o que o sostén. A idea establecida durante moito tempo, aínda a manexan os pailáns da corte madrileña cando opinan sobre o noso país, era que Fraga se sostiña sobre unha base sociolóxica, os votos dun rural envellecido e atrapado en redes caciquís. Non era así enteiramente, Fraga conseguiu un dominio ideolóxico porque tiña capacidade política, gustase ou non. E, naturalmente, era un franquista que perseguía ás disidencias e tiña uns medios de comunicación ao seu servizo que utilizaba como armas.

Mais, e Feijóo? Feijóo non tivo nin ten capacidade de ofrecer política, a que fose. Como político é un inútil que unicamente se beneficiou do forte aparato do partido e dos medios de comunicación que son as súas armas. A foto súa subido nun barco de narcotraficante, como a de Rajoy, tíñana moitos medios e un deles acabou por sacala, a unión entre prensa e poder político aquí é total. Feijóo só tivo un programa político: manterse no poleiro aquí para poder dar un pincho a Madrid. Fracasou. Utilizou a Galiza ao seu servizo, non fixo máis que vendela a pedazos e manchou a súa reputación asociándoa ao narcotráfico.  

Comentarios