Opinión

Por que non vexo TVG?

Porque a Feijóo non lle convén. Non lle interesan nin lle conveñen que existan persoas que teñan unhas demandas e unhas ideas máis ou menos semellantes ás miñas, e por iso non as atende. Feijóo botoume como espectador da TVG e ouvinte da RG, como a tantas outras persoas.

Creo que comprendo a situación que viven as traballadoras e traballadores da Radio Galega e da Televisión Galega, unha das cousas máis destrutivas é facer un traballo que sabes que non ten sentido. Estar nun posto de traballo e que non cho deixen facer, quitarlle todo o que haxa de creativo a un traballo, o que padecen esas persoas, o que lles fai o comisario político de Feijóo é “mobbing” masivo.

Desgústame a situación que viven como traballadores, aínda me desgusta máis o que se lle nega e se lle quita ao meu país. Ao meu país négaselle unha verdadeira radio e televisión públicas, que expresen a realidade de todo o país, non só dunha parte, e que atendan as demandas e necesidades de toda a poboación, non só dun sector. A RTVG expresa e conforma un país atrasado, e faino deliberadamente porque Feijóo sabe que non ten nin vai ter a aceptación e o voto das persoas máis novas e informadas, esas persoas que expulsan unha xeración tras outra as súas políticas de submisión aos intereses dos Floretinos Pérez.

A cambio interésalle ter xeracións desvalidas de persoas maiores, sen eses fillos ou netas, e a esas persoas é a quen van dirixidos os medios de comunicación que deberan ser medios públicos e son privados, seus.

O país que mostra a TVG non é “popular”, pois aparece efectivamente xente nosa mais non aparece toda. Reduce o país a uns sectores sociais, culturais e, loxicamente, políticos. Nos medios de comunicación madrileños non aparecemos nós, mais na RTVG tampouco, só aparece unha parte de nós, unha sociedade mutilada. E iso non é popular, é populacheiro e responde ao populismo. Porque ao PP de Feijóo non lle interesa unha Galiza viábel, que permita vivir e crear aquí sen ter que emigrar, prefire un almacén de votantes cautivos e un país envellecido, arruchado e inviábel.

Cando marche a peste, cando marche o PP de Feijóo, pode que teñamos uns medios públicos que mostren o que xa somos e o que queremos ser, un país moderno, complexo, diverso, creativo. E que ten dereito mesmo a ter unha emisora de música clásica nosa, non todo vai ser o Combo Dominicano. Nun país digno hai de todo.  

Comentarios