Opinión

Paz foi así

Se Paz López Facal estivese aquí non me había deixar escribir o seu obituario, mais diso se trata, non está, morreu Paz.

 E non mo había deixar escribir porque o seu ser era discreto, as cousas públicas que facía o seu compañeiro, Camilo Nogueira, a ela parecíanlle ben, sabía que el non podía deixar de facelas porque el era como era e tamén sabía que había que facelas mais sabía tamén que moitas veces eran traballos perdidos.

Paz era comprometida, alegre e tamén claramente céptica sobre o devir das cousas da sociedade e da vida. Se non fose porque é un reducionismo cativo diría que era antropolóxicamente galega, tiña moito do ser campesiño (isto si que lle había gustar que o escribise dela). Tiña carácter, tiña disposición, era traballadora, era rabuda, amiga da burla intelixente e oportuna e concedíase a licencia de rosmar cando lle petaba porque era libre. Una presencia moi intelixente e aguda.

Amaba a lingua galega, como idioma e como fala. Amaba as nosas palabras cunha atención culta e un cariño polo popular. Penso que ela sabía que nunca deixou de ser unha aldeá sofisticada.

Foi mestra, parvulista convencida. Mestra en moitas escolas rurais, mestra reivindicativa e sobre todo namorada dese ser mestra e dos nenos e nenas. A súa casa sempre estivo chea de debuxos de nenos polas paredes, sempre foi unha morada iluminada polos seus meniños e meniñas.

 Participou desde o primeiro momento no grupo que introduciu a filosofía e as técnicas de Célestin Freinet nas nosas escolas, seguidora da Rosa Sensat catalana, e de Nova Escola Galega. E finalmente mestra xubilada, nunca deixou de ser mestra.

E foi muller. Moi consciente das limitacións que iso supuña no tempo que lle tocou vivir e do que tiñan por diante as súas dúas fillas.

Gozadora de todas as artes, do cinema e da literatura. Lectora agudísima e intelixentísima, algúns tivemos a fortuna de que lese as nosas primicias, traspasaba as intencións do texto mais sen encerrarse na lectura filolóxica, nunca perdeu a capacidade de gozar da entrega ao texto literario. E cando xa non puido ler ouvía os textos falados.

E agora, logo de ir perdendo e perdendo facultades discretamente, foise. Morreu e vai de volta desde Santiago para a súa querida aldea de Toba. E xa.

Comentarios