Opinión

O que fai Feijóo

Feijóo pretendeu, unha outra vez, no seu debate de investidura a Presidente da Xunta utilizar o cargo e o lugar para facer política persoal na súa carreira de político. Dedicou o discurso a criticar a Sánchez.

O noso país non importa, é algo a utilizar e a presidencia do Goberno autonómico galego é un instrumento, un poleiro para intentar medirse co presidente do Goberno español. E a xogada non saíu, pasou desapercibida, a ninguén lle importa en Madrid o que el diga na Galiza. A noticia hoxe é a devolución do Pazo de Meirás.

Hai unhas semanas aínda a revoltura dentro do PP madrileño, con Casado nunha posición inestábel, deulle unha oportunidade para figurar no guiñol da dereita española, alentado polo Goberno de Sánchez a quen lle interesa debilitar a Casado. Mais ese momento xa pasou, Casado reaxustou o seu equipo e mantén o partido unido tras del, a perspectiva volve ser que Feijóo vai estar aquí catro anos.

Nunha situación tan seria a novidade necesaria na investidura sería que aceptase o ofrecemento que lle leva facendo o BNG e o PSdG de dialogar e buscar acordos para afrontar a pandemia que recrúa. E non, banalidades, ausencia de medidas reais e as mesmas promesas de político da silveira, como se a realidade non tivese cambiado.

Con todo, hai que recoñecer que Feijóo é un político de vocación e con capacidade. Unha capacidade que, mágoa, non está ao servizo do seu país, e xa que exerce de político e, coa responsabilidade da presidencia, ese país debera ser o noso, a Galiza. Nin sequera ao servizo do que considera o seu país, a España borbónica, Feijóo, que é un home intelixente e cunha cultura superior ao provincianismo pailán de Rajoy, só pensa na súa carreira política. Non había de importar se non fose que utiliza a Galiza do modo máis vil e servil, prexudicando os seus intereses.

Xa con Fraga temos vivido isto. Fraga, alén de franquista e cun carácter tiránico, era moi culto e tamén intelixente á súa maneira. Cando se retirou da política española e veu de Madrid tamén utilizou o valor político de Galiza como nacionalidade ao servizo do seu protagonismo. Tamén con Feijóo vivimos ese paradoxo, o valor político e simbólico de sermos unha nacionalidade, utilizado por políticos egoístas e sen escrúpulos non redunda en beneficio propio senón que é utilizado en contra nosa.

E por iso a responsabilidade, a culpa, de Alberto Núñez Feijóo é maior que a que tería un político simplemente simple e ignorante. Sabe o que fai, e faino.

Comentarios