Opinión

O problema está en Madrid

Que é o que está a acontecer na vida pública madrileño-española? Que é o que estamos a padecer? Unha mostra supina da natureza deste Estado posfranquista, a súa natureza de forma exaltada.

Cando diciamos do nacionalismo español, dicíanos que non existía, porque non precisaba mostrarse como tal porque xa era o Estado mesmo. Cando se mostrou de forma descarada dixéronnos que quen o desatou, seique estaba atado, foran “os nacionalistas”, os outros. A culpa do españolismo de dereitas era dos cataláns, antes dos vascos, iso dicían os españolistas de esquerdas.

Non se poden analizar as realidades cunha forma fixa, pois as realidades humanas e sociais, igual que as persoas, evolucionan. Falta que se nos mostre unha análise da evolución da sociedade, da economía, da cultura, da política españolas nos últimos corenta anos, xa é un período longo como para velo con perspectiva. Entre outras cousas, adianto eu, a máis evidente será un reforzamento do centralismo, unha concentración de todo o poder e unha vertixinosa absorción de todas as enerxías na capital do Estado. Cando falan da “España vacía” esquecen dicirnos onde foron esas xeracións que deixaron atrás pobos e cidades, falta cantar os éxitos dunha cidade que non para de medrar a costa de baleirar o seu arredor, que, como un furado negro, é un ser que traga e se alimenta de todo o que o rodea.

Naturalmente un ser así, como todo ser, defende a súa existencia e a máis poder, máis dominancia. O espectáculo que vimos estes días no Parlamento español é unha mostra pálida do que padecen os cataláns dende hai dez anos. A diferenza está en que en Catalunya quen se manifestaba con Arrimadas e demais eran Iceta e Borrell, e ademais de berros e insultos o que houbo foron paus, multas, cárcere, exilio. E todo iso coa delegación de UP alí facendo equilibrios para que non lle zarrapicase. Este franquismo, este nacionalismo español utilizárono os poderes da corte madrileña para atacar os intereses políticos e económicos dos cataláns. Pasando dun boicot a un espolio de empresas e a meter presos os dirixentes dese país ocupado. E Sánchez sumouse a esa campaña do 155 e o “a por ellos”, con intelectuais da corte celebrando o cárcere dos presos políticos, nunca o esqueceremos, até que agora xa a cousa saíu da madre. O problema é o nacionalismo franquista madrileño, o que padecemos todas e todos.   

Comentarios