Opinión

O papel

Hoxe viaxar polo Cantábrico é unha festa, o auto corre o que pode e logo chega un a País Vasco. A cambio do que se gaña vai o que se perde, se antes viaxabas atravesando lugares, cada un coa súa vida e o seu carácter, agora percorres unha autovía e o mesmo che dá se estás na Galiza, na Asturias ou en Cantabria. E nos lados, eucaliptos e máis eucaliptos, un ve como baixan dos cumes dos montes e van comendo nos prados que tanto costou noutro tempo gañar ao monte.

A profecía que lle fixeron ao Macbeth, un día vería avanzar un bosque, estase cumprindo de xeito monstroso nesta parte do mundo. E seique veñen máis empresas a eucaliptizar máis do noso territorio. Stephen King escribiría un romance de terror con ese material.

Todo é para facer papel nesa factoría instalada na cerna da ría de Pontevedra, e penso no papel. O papel que nos axudou a formar e conformar a xeracións que lemos, e que escribimos. Eu comecei a escribir prensa en papel, máquina de escribir e na casa, a levar logo a folla escrita en man á redacción. Anos despois chegou... o fax! Grande invento, metíaselle un papel e aparecía na redacción do xornal o texto escrito noutro papel. E logo chegou internet e desapareceu o papel. Tamén foron desaparecendo oportunidades de publicar opinión en papel, e conforme os donos do papel o expulsaban a un, pois exiliábase neste lugar, na Rede. Non hai problema, a Rede co bo e co mao vai ocupando o seu espazo, virtual. (Sobre unha loita entre o virtual e o experiencial escribín hai anos unha noveliña, “A Sombra Cazadora”. Hoxe non sei o que escribiría.)

A profecía que lle fixeron ao Macbeth, un día vería avanzar un bosque, estase cumprindo de xeito monstroso nesta parte do mundo

 

Pregúntome ás veces pola sorte da criatura que quere nacer, “O diario” que prepara esta mesma editorial de Sermos, haberá que a axudar e valerlle, coidala, pois o lugar do papel é incerto. A cada vez máis eu leo libros en papel, non se escribiu e reflexionou bastante aínda sobre a experiencia distinta de ler no papel e na pantalla (por exemplo, o meu editor Manuel Bragado, díxome onte que debía escribir máis breves estes apuntamentos, que non son tal pois realmente estanme saíndo longos como artigos, pois a xente na pantalla le menos e peor. E eu sei que ten razón, mais...). Con todo, un libro de ensaios se non se ve un obrigado a o ler cun lapis na man, qué libro é?

E as cartas. As cartas xa non as hai. Teño por algún lugar da casa unha carpeta a rebentar de cartas, mais case todas son de hai anos. Desde hai uns vinte anos deixei de recibir e escribir cartas no papel e emitín centos de correos electrónicos (Ando a ler un libro de cartas do John Cheever, iso xa é cousa dun pasado, xa non será posíbel en adiante).

Pregúntome ás veces pola sorte da criatura que quere nacer, “O diario” que prepara esta mesma editorial de Sermos, haberá que a axudar e valerlle, coidala, pois o lugar do papel é incerto

 

O dixital borra e abole o analóxico, mais ás veces aínda hai que ir e buscar no papel, ás veces lembro escritos perdidos. Por acaso, ás veces lembraba un pequeno ensaio que me publicou a revista “Grial” hai anos, onde andaría aquel texto, rosmaba eu e remexía e cacheaba en ordenadores e memorias e non aparecía, nin sequera lembraba o título, mais... grazas a unha bibliotecaria encontreino e fotocopieino (“As cousas da razón”, Grial nº 118. 1993). O que non sei é se o texto val para cousa, se aguanta o paso dos anos, mais quiteime unha espiña que me proía. Un día, do mesmo modo que apareceron desaparecerán as fotocopiadoras tamén. Así e todo o dixital é un breve momento fuxidío e a piques de desaparecer, non existe, non é. Só o que ten corpo garante algunha duración, só un soporte físico permite ofrecer algunha dignidade ás palabras escritas.

Ten que haber unha maneira de que podamos ler nun soporte digno, que permita a duración, en tanto non nos ofrecen outro trátase do papel e sen que teñamos que entregarlle a ría de Pontevedra e o noso territorio a empresas coloniais con sede madrileña e chupíns do PP entrados pola porta xiratoria a lucrarse a conta nosa.

Comentarios