Opinión

O mesmo de sempre

continuidade do estado franquista reformado que consagrou a Transición ten dimensións profundas, ademais das institucionais, administrativas, económicas... tamén psicolóxicas. Insistirei en que o franquismo non foi unha “ditadura” senón un réxime totalitario que modelou unha sociedade e un tipo de ser humano medroso, covarde, gregario e violento. A non revisión do pasado, reforzada nos anos oitenta pola celebración da “democracia quenoshemosdao y somos estupendos”, consolidou na sociedade o preexistente, a cultura franquista.

Vólvennos contar o mesmo conto desde o comezo da restauración borbónica, “tenemos la mejor generación etc”, mais o gregarismo incívico e a falta de capacidade autocrítica, o españolismo de autobombo e demais transmítese de xeración en xeración. Non é mellor a mocidade de agora que a de hai corenta ou cincuenta anos, cada unha no seu contexto. Isto é, non melloramos maxicamente. E “a nova política” é tan vella e rancia como a que era nova hai corenta anos. A bandeira rojigualda, a monarquía e a oligarquía que Carrillo avalou por entón retorna con novos lexitimadores da monarquía, do centralismo madrileño e da oligarquía cortesá. A esquerda madrileña de hoxe é tan moderna como as patillas e a chaqueta de pana que gastaban astutamente González e Guerra, tamén eles sabían facer chiscadelas de ollo aos “progres” de entón.

A este goberno, como aos demais gobernos, caeulle enriba unha lousa tremenda, quen estivese no goberno do estado neste tempo de virus tería cometido tamén erros. Hai que asumir que hai que cerrar filas con quen ten os recursos, a capacidade efectiva e a responsabilidade de dirixir a resposta a un ataque á saúde e vidas da poboación. Iso non pode impedir que xulguemos se o fai mellor ou peor e que cousas fai ben e cales debe corrixir, polo ben de tod@s. E calquera pode apreciar que desde o comezo tomou decisións baseadas nunha ideoloxía moi marcada, a do estado centralista. E que esa ideoloxía condicionou uns resultados que non foron os que debían, esa ideoloxía ten custos humanos.

Que a dereita española, explicitamente franquista, teña unha actitude incalificabelmente irresponsábel non quita que teñamos independencia de xuízo para criticar e intentar que o goberno cambie políticas negativas. Non temos por que tragar innecesariamente o seu españolismo agresivo e provinciano. E quen defende a cegas esas políticas gubernamentais padece do sectarismo máis rancio.

Comentarios