Opinión

O gato e o rato

Se leo ou escoito medios de comunicación galegos, quitados este ou algún outro medio dixital, que nos piden procurar por eles pois fican nunha zona de penumbra informativa, o que encontro é algunha noticia choqueira, algunha parella de irmáns xémeos ourensáns fan ou deixan de facer algo, algunha coitelada de madrugada, un incendio, así todo. Se pillo os medios madrileños, papel, radio ou televisións, voume encontrar co rei e máis a princesa e logo unha ración de “catalanada”, isto é, información insidiosa sobre o que alí acontece ou burlas sobre exiliados ou presos.

E precisamente é alí onde se está a xogar o presente e futuro deste réxime baixo o que vivimos e que cada vez menos xente chama “unha democracia”, como alerta mesmo un informe do The Economist. Mais o público galego só ten acceso á propaganda de Feijóo e a unha visión degradada do seu país e o público español, a un enérxico lavado de cerebro. Só sintonizando TV3, descargando unha APP, ou Catalunya Radio, ou procurando na Rede Ara, ElpuntAvui, Elnacional, Naciódigital, Elmon..., pode un saber cal é o futuro que nos agarda a todos. Como vai o combate entre un estado autoritario e monolítico, coas mesmas complicidades que cando o PSOE apoiou o golpe monárquico de Primo de Rivera, e unha cidadanía mobilizada que afronta que lle batan, multas, cárcere, exilio, ameazas... até os límites do heroísmo.

O público galego só ten acceso á propaganda de Feijóo e a unha visión degradada do seu país

 

E, por se val de algo digamos aquí que o acontecido antonte e onte non é a fin de nada. Levamos así xogando ao gato e o rato anos, meses e ningún dos dous contendentes sabe o que vai facer o contrario en ningún momento. Hai uns días Rajoy estaba afogado e volveu forzar ao Tribunal Constitucional para que traballase para el e antonte os soberanistas entrampalláronse ante o Goberno e os do 155. E mañá, quen sabe. E así todo, papará o gato ao rato, como quere? Ou dará escapado?

Comentarios