Opinión

O franquismo no Estado

Lin nunha entrevista a Juan Luis Cebrián nun dos salóns da corte, nun par de anos haberá que explicar quen foi Cebrián. Analizaba el a evolución do sistema político e social español nas últimas décadas desde o seu punto de vista, o de quen noutra época chegou a ser o deseñador ideolóxico da nación castiza española e expresaba a súa frustración. “Yo ya no mando nada”, di el.

Dicía que Felipe González “de todos los presidentes ha sido el más eficaz y el más coherente, Aznar comenzó a dividir a la gente, Zapatero lo hizo mucho más, Rajoy fue más indolente, aunque permitió la deriva catalana; y el de ahora es el más divisivo de todos los que hemos tenido.” González préstalle e Rajoy non lle desgusta.

Cebrián é un ideólogo e foi o dirixente da conciencia de moitas persoas que se alimentaban e pensaban a través do discurso que creou o grupo Prisa (El País, SER, Alfaguara...): unha España moderna medio europea medio yanki, envexa do mundo, etc. De modo que interesa a súa observación. Houbo un tempo no que os españois viviron dentro desa esfera hipnótica na que non había disenso. E foi certo que Aznar foi quen cuestionou ese consenso, necesitábao para chegar ao poder e inaugurou unha nova etapa. Aquela fábula de harmonía do posfranquismo non existe e o franquismo profundo segue a expresarse.

Os medios de comunicación españois teñen un consenso último, non se pode cuestionar a monarquía, hai que defender os intereses de todo tipo organizados na corte madrileña e hai que castigar a Catalunya ou quen cuestione este sistema de poderes. Mais non poden evitar completamente a realidade. Aínda que o intentan.

Unha turba de homes violentos e organizados, con acceso a armas, rodearon o Congreso ameazando o Goberno, saltaron os controis e os policías de uniforme que custodiaban a suposta sede da soberanía do pobo español uníronse a eles. Esa turba sen control tomou as rúas do centro de Madrid, acosaron e perseguiron unha deputada catalá e a policía negoulle protección. Esa turba foi arengada por un dirixente da extrema dereita franquista subido nunha furgoneta. Son feitos gravísimos, mais os medios de comunicación ocultárono. Por que? Porque o sistema político e institucional está roto e os poderes do estado loitan entre si. A Coroa contra o Goberno. Sectores do estado como a Xustiza e as policías contra o goberno. Ten razón Cebrián, o xogo está roto. 

Comentarios