Opinión

O noso país perante unha reforma constitucional

O proceso político catalán chegou a unha nova estación mais non terminou pois todo proceso histórico é de longo percorrido e con reviravoltas, tivo consecuencias profundas, fixo que rematase a época iniciada tras a morte de Franco. Non foi a crise económica e as súas consecuencias e destrozos sociais quen puxo en crise o sistema político iniciado entón, a sociedade española demostrou non ser quen a enfrontar iso e mesmo achantou cun goberno de ladróns tan probados como impunes, foi a demanda nacional catalá quen liquidou ese periodo e abriu unha crise de estado.

Porque niso estamos, nunha crise de estado que se seguirá a desenvolver nos meses e aínda anos próximos e que atinxe tanto a xefatura do estado como a articulación dos territorios e pode custionar o sistema de dominación e expolio da burguesía madrileña e as élites da corte. No horizonte inmediato está a reforma da constitución existente ou un cambio máis profundo. E como afronta iso a Galiza?

Niso estamos, nunha crise de estado que se seguirá a desenvolver nos meses e aínda anos próximos e que atinxe tanto a xefatura do estado como a articulación dos territorios

 

O noso país foi incapaz de ter un papel que lle permitise negociar poder cando se pactou tanto a constitución como o estatuto. Cando un pacto entre UCD e PSOE intentou negar o estatuto de autonomía a Galiza a sociedade de entón foi capaz de artellar unha resposta mobilizadora para protestar, as manifestacións da “aldraxe” para esixir o autogoberno foron as maiores da historia do noso país. Paradoxalmente a resposta do estado foi a de conceder o esixido e, de paso, o “café para todos”. Non entro agora a analisar o cativo papel que tivo o galeguismo político tanto na consecución e construción da autonomía como na utilización das posibilidades que podía ter tido nesa etapa histórica. Xa foi como foi. Mais agora achámonos perante un escenario semellante, con nós ou sen nós vaise renegociar o deseño do estado e quen teña forza poderá negociar e pactar e quen non, tragará. E, a diferenza de vascos, cataláns, navarros, canarios e valenciáns, non existe unha representación propia soberana no parlamento español, esa é unha realidade que hai que aceptar con humildade obrigada.

No horizonte inmediato está a reforma da constitución existente ou un cambio máis profundo. E como afronta iso a Galiza?

 

Estas décadas precisamente mostran que as relacións de dependencia da Galiza respecto da corte madrileña agudizáronse e que as consecuencias desa dependencia política, ideolóxica e económica foron terribelmente destrutivas. Se un país precisa liberarse do expolio a que nos someten as élites do estado e a burguesía extractiva madrileña é o noso, se unha sociedade precisa gañar soberanía e poder para decidir o que facer cos seus recursos económicos e humanos é a Galiza. Precisamos ter poder político propio. Iso o que o dá é primeiro de nada o estarmos autoorganizados, o termos organizacións soberanas propias, porén iso debe ter expresión institucional e constitucional. A Galiza debe negociar como país o seu lugar futuro en relación co estado español.

E iso débese facer con criterio nacional, de país, non pode ser desde unha posición partidaria. Non acredito a lealdade co noso país do PP nin sequera do PSOE, non demostrou ser PSdeG, porén é preciso apelar a esa lealdade aos intereses da cidadanía deste país mesmo a eses partidos que non demostraron defender eses intereses. É preciso un encontro nacional galego o máis consensuado e aberto que defina unhas esixencias mínimas de poder para tomar decisións sobre o noso destino, tanto nas decisións políticas, sociais como económicas. De entrada os nosos representantes políticos deberan intentar uns mínimos comúns que protexan e defendan os nosos intereses.

A diferenza de vascos, cataláns, navarros, canarios e valenciáns, non existe unha representación propia soberana no parlamento español, esa é unha realidade que hai que aceptar con humildade obrigada

 

A “aldraxe” foi un experimento no que a sociedade civil xogou un papel decisivo, sen a implicación de particulares e asociacións os esforzos dos sectores do galeguismo político que estaban pola consecución da autonomía non terían bastado. No afrontar o futuro nacional galego hoxe é precisa tamén a implicación de todos, todas, desde o asociacionismo cultural, deportivo, profesional ao sindical, político.

Naturalmente teñen maior responsabilidade nese proceso as organizacións políticas que se teñen por nacional galegas, mais ese carácter haino que revalidar na práctica. E se non se acepta tanto a gravidade do momento histórico como a nosa debilidade non haberá a humildade precisa para facer ese chamamento á sociedade e a todas as partes e dar unha resposta necesaria ao desafío que xa temos diante nosa.

Comentarios