Opinión

Sobre a nosa frustración nacional e cultural

Falaba onte dos sectarismos e bandos nas institucións, entre escritores, entre profesores, deixen que diga algo máis pois ese é o resume dese mundo da lingua e literatura. O sectarismo sen norte é o espello dun mundo cultural obsoleto, rancio e fracasado.

Mais iso non son defectos xenéticos nosos, idea tan gasta como absurda, senón que ten unha explicación histórica. Son consecuencias que chegan a hoxe dun feito histórico dramático, a destrución dunha parte esencial da nosa sociedade, o progresismo e dun xeito moi concreto, da aniquilación do galeguismo republicano e do republicanismo galego. Isto é, do que encarnou o Partido Galeguista de Castelao.

O noso país non sería como é se non houbese o golpe de estado dos xenerais nacionalistas e a Guerra Civil e o Franquismo. Tampouco o galeguismo e o nacionalismo galego sería hoxe como é, é evidente que a cultura política do PG non existe hoxe nin tampouco esa corrente política. Hai organizacións que se refiren a esta idea ou outra análise ou principio político do Castelao, poño por caso, mais non existe o galeguismo republicano.

O noso país non sería como é se non houbese o golpe de estado dos xenerais nacionalistas e a Guerra Civil e o Franquismo

 

Sobreviviu o galeguismo interpretado naquela altura histórica por Ramón Piñeiro. Igual que agardamos pola biografía de Castelao do Seixas é precisa a do seu herexe, Ramón Piñeiro. Sen poder abordar aquí nin as súas posicións políticas nin a orixe delas hai que constatar que foron as que prevaleceron e finalmente se asentaron cando se recobrou a autonomía tolerada. Non serían esas as posicións que terían prevalecido sen haber o golpe de estado, mais a historia foi a que foi.

E ao herexe Piñeiro respecto de Castelao apareceulle cedo alguén tamén con vontade de herexe, Méndez Ferrín intentou erguer dentro do país unha liña alternativa coa lexitimidade do exilio. Haillo que recoñecer como tamén hai que constatar que non puido ser e a liña republicana que non abdicou da existencia política da Galiza como nación esgallouse e desfiouse, fíos en Buenos Aires, o fío de Seoane, o de Paz Andrade, Martínez López...Non puido ser e o plan de Piñeiro si tiña cabida nas novas estruturas do estado.

Méndez Ferrín intentou erguer dentro do país unha liña alternativa á de Piñeiro coa lexitimidade do exilio

 

Os anos 60 e 70 foi cando se asentaron as liñas do piñeirismo e tamén as resistencias a elas, moi encarnadas en Ferrín no cultural. E nesa lea aparece a figura de Carlos Casares. O ano pasado tivo lugar a celebración da súa figura pola RAG, pasado o ano algún día haberá que tratar a Carlos do mesmo modo que se nos debe tratar a todos, co respecto humano e tamén intelectual que se merece, pois foi unha figura importante tanto como autor como no seu rol de comisario cultural e político. Coñecín a Casares no ano 87, tardei todo o que puiden en tratar con escritores, e desde o comezo foi unha relación complexa ou incómoda, abonda con dicir que cando lle preguntaron, “Oes, e que tal é ese fulano, o Suso de Toro, do que se fala últimamente?” contestou, “Un completo insensato. Un tipo perigosísimo.” Mais a miña visión de Casares nace do persoal e tamén da visión da súa actuación pública, hai elementos de afecto e tamén de distancia crítica e desacordos.

E, se lles parece, iso deixámolo para mañá, que agora marcho que teño que marchar.


 

Comentarios