Opinión

Neofalantes, bilingües, monolingües

Son neofalante desde hai 47 anos. En 1973 convencín un amigo para mudar a lingua, os motivos: termos o coñecemento da situación do galego e cal era a orixe desa situación, a imposición doutra lingua, a deste estado e o noso deber ético de sermos coherentes co que sabiamos. Naturalmente, de par desa mudanza de lingua estaban outras mudanzas que conduciron logo a vida daqueles adolescentes, mais ese é outro conto, ou o mesmo.

Se fixemos aquel acordo, tan radical se se pensa ben, lembro que foi a pasear pola Rúa do Vilar da miña cidade, foi porque fun un privilexiado, xa tivera acceso a informacións, ideas, persoas e amizades que me permitiron tomar unha decisión libre. Ninguén está completamente só. E aínda que falei malamente a miña lingua moitos anos, pouco e pouco fun mellorando e creando o meu estándar particular. E nunca tiven complexo de falalo mal porque en min as nosas palabras, as dunha persoa libre que falaba esa lingua porque lle petaba, por unha decisión que me transformaba nun cidadán. Cidadán dunha nación que non existía, que aínda non existe, mais unha nación nova e miña e nosa.

Tamén comprendín que había, hai e haberá persoas que poden ser amigas e compañeiras que non falen a miña lingua e, con todo, formamos parte dun mesmo país. E pode que tamén dunha mesma nación futura. Non todo o mundo naceu na mesma familia, ambiente social nin tivo as mesmas circunstancias, que a uns os conduciu a unha lingua e a outras outra. Non xulgo nin xulgarei os meus concidadáns pola lingua que falen. Aínda que desexe que cumpran coa Lei de Normalización Lingüística quen estea obrigado por razón de traballo e animarei a mergullarse no galego por coherencia e por alegría de partillar unha lingua que é “nosa de todos e todas”, de quen a fala e tamén de que non a fala se a estima. E considero que as persoas que se pasan da lingua do estado á lingua do país teñen un mérito que outras non teñen, están na vangarda cívica da nación futura.

Somos un país complexo, non somos unha sociedade monolingüe e aínda que pretendamos a normalización do galego na nosa vida diaria, vivirmos en galego no noso país é o noso dereito democrático, non habemos ser nunca, porque non o é país ningún, un país monolingüe. O proxecto nacional galego debe defender o galego como a nosa lingua nacional, mais os nacionalistas galegos deben aceptar sen volta que a maioría dos falantes de galego votan o PP, votan a desaparición da súa lingua, que viven como un estigma de clase humillada. E, pola contra, moitos votantes do BNG falan castelán aínda que queiran o mellor para o galego. Con esa realidade, con eses bois hai que arar.

Comentarios