Opinión

Música de fondo

Na miña infancia a música que chamamos “culta” ou “clásica” eran harmonías estrañas que saían ás veces da radio cando movías o dial onde figuraban os nomes das cidades do mundo, Berlín, Londres, París, Roma... Logo foi a música de fondo dalgunha estampa de “riachuelo saltarín” na tv mentres recitaban a Jorge Manrique ou Antonio Machado.

Esa música era un ben escaso, poucas tendas vendían poucos discos de música clásica. E, cando chegou o tocadiscos, os discos prestábanse. Escoitar música era unha decisión consciente e premeditada, reunirse nunha casa con tocadiscos.

Isto vénme a conto polo costume de ter sintonizada a emisora de Radio Clásica de Radio Nacional de España. Esa empresa pública de radio fundada polos “nacionales”, os xenerais nacionalistas españois, e que aínda hoxe conserva o nome que lle puxeron. Fronte ás emisoras comerciais comúns que foron nacendo nos anos da II República, como “Unión Radio Galicia EAJ4” os sublevados crearon a súa radio como instrumento de propaganda, a Radio Nacional de España. E así se segue a chamar. O estado fundado por eses militares sublevados que estableceron a primeira capital en Burgos tivo a súa continuidade reformada até hoxe, sen rupturas. Este franquismo asentado, normalizado e invisibilizado no estado baixo o que vivimos.

España é o Reino de España. A identidade nacional española estivo en debate e tamén en crise no momento inmediato á morte de Franco. Viría unha república, unha república federal, a monarquía imposta por Franco? Xa non. Tras o 23-F de 1981 comezou un proceso de lexitimación da monarquía e o modelo recentralizador, a LOHAPA había ser o primeiro instrumento, até hoxe.

Hai un par de días precisamente ouvín nesa emisora que escollo como compañía cando podo programar a Marcha Real ou Marcha de Granaderos interpretada por orquestra sinfónica. Un ouvinte pediuno nunha sección de pezas dedicadas. Todo é natural, todo é normal. E así puiden ouvir os primeiros compases do himno que a maioría dos españois identifican como o seu: o himno dos militares sublevados contra a II República, o himno de Franco. Así como a bandeira vermella e amarela non é sen máis “la bandera española” senón a dos Borbóns e reposta por Franco fronte á tricolor republicana.

Mais, se esa é a verdade histórica que me di a miña memoria, a realidade é que o que a historia estableceu é que a bandeira, o himno e toda a simboloxía e identidade nacional española é a que é. (Ah, cambiei de emisora)

Comentarios