Opinión

Mexericada que nos envolve

O portavoz que ten o Ministerio de Sanidade para informar a poboación da pandemia é un señor chamado Fernando Simón. E ese señor xa é un personaxe. Hai uns días meteu o zoco como lle pode pasar a calquera, e quen estea afeito a ser entrevistado sabe que aínda estando atento un pode caer nunha celada dalgún entrevistador. Cousa frecuente hoxe cando desaparecen os límites e as formas no xornalismo, é adoito que a persoa que entrevista trate de “tú” ao entrevistado e a conversa se dea a xeito de “colegueo”. Cousa que lle debeu de ocorrer ao tal Simón, “colegueo” machista impropio destes tempos.

O que sorprende é que o portavoz dese ministerio para un asunto tan grave acceda a ser entrevistado por un medio de comunicación sen o mínimo interese nin dignidade xornalística. Sorprende a frivolidade ou inmadurez, semella que Simón simplemente está a desfrutar da sona que adquiriu.

Porque o Simón, malia levar explicado con moito estilo e naturalidade unha cousa unha semana e a semana seguinte o contrario, malia ter defendido cuestións totalmente equivocadas, segue aí coas súas chiscadelas que seica prestan ao público. Seriedade e competencia científica non houbo nin hai pero “campechanía” a que se queira.
E cando os cavernícolas criticaron o Simón inmediatamente os medios de comunicación que defenden este Goberno e os seus dous partidos saíron na súa defensa e fixeron del unha icona. Non sei de que, mais icona. Da “campechanía” castiza, quizais.

O certo é que Fernando Simón foi colocado aí por Romay Beccaría e Ana Pastor e non é experto en nada. Aínda que demostra ser un bo actor para representar o personaxe dun científico. De todos xeitos isto non o ten por que saber o común da xente pois os medios de que dispoñen non o contan. Os adictos ao PP porque en orixe Simon é dos “seus” e os adictos ao goberno porque é o seu portavoz, agora tamén é dos “seus”. Simón encarna en versión informal, agora dinlle “casual”, o sistema político español, o estado mesmo, vale para todos, é transversal. E como meteu o zoco e meteuno ben, pediu desculpas. E fixo ben, como nos insisten os nosos amos é inusual e ten mérito. Máis mérito teñen eses europeos que por algo así terían dimitido da encarga, así e todo desculpouse e fixo ben. 

O que interesa é a nosa inopia, pois xa ficamos contentos. Cando é mentira todo. Un falso experto que leva informado con garbo de decisións erradas, un falso progresista ao que mitifican e nos presentan con chupa e moto tal Marlon Brando. Tanta “cursilería” nosa, tanta ridiculez en que nos envolven. Tanta farsa mexerica. 

Comentarios