Opinión

Mellor saberse sen estado

(Ben sei que se lle fago caso á “actualidade” había de ter que tratar sobre o vídeo “As Tres Raíñas”, tan sabedeiro. Había dar, se eu souber, para unha análise da linguaxe corporal, de táctica de ocupación de espazos e estratexia familiar, mais deixo iso tan sabedeiro para quen entenda neses mesteres e atéñome ao propio decurso do pensamento.)

Lembrei hoxe, cousas da madrugada, un xantar no reservado dun restaurante barcelonés hai anos. Eramos catro varóns, dous xa non están e outra persoa, un destacado editor catalán, está e mais non está pois perdeuse no seu labirinto interior e logo estaba eu, que aínda vou estando. Manuel Vázquez Montalbán e Josep María Castellet xa non están e ben que o sinto pois habíame gustar ben poder conversar agora sobre os feitos vividos nos últimos tempos no seu país catalán, e aquel editor amigo xa non lembra nin coñece.

Non lembro o restaurante nin o menú (como fan esas persoas que escriben as súas memorias demoradas e con todos os datos, tan serena e repousada foi a súa vida?) porén si lembro que, galego ao cabo, dei demoradas explicacións sobre o meu país. É un sino andar por aí e ter que explicar este país difícil de explicar mesmo para nós, un país que lle resulta inverosímil aos demais.

Manuel Vázquez Montalbán e Josep María Castellet xa non están e ben que o sinto pois habíame gustar ben poder conversar agora sobre os feitos vividos nos últimos tempos no seu país catalán

 

Téñome lamentado desa condición de escritor en precario que ten que ir argumentando, explicando, defendendo a existencia do seu país na vez de tratar de asuntos artísticos, literarios, etc. Trátase da condición dun escritor que escribe nunha lingua sen estado (non entro aquí en polémica filolóxica, refírome á conciencia lingüística que ten a comunidade humana á que pertenzo) e que envexa o confort dos escritores e intelectuais “con estado” que viven como se a súa situación fose “o normal”. E non. No caso español ese mundo no que viven levántase sobre unha construción política, artificial: a negación doutras realidades nacionais. Levántase sobre un crime político que debera ser delito.

Ese espazo construído por un estado pretendidamente uninacional crea a conciencia bébeda de que o problema de España é que a presidenta da rexión madrileña copiou ou non copiou un máster dunha universidade corrupta

 

Ese espazo construído por un estado pretendidamente uninacional crea a conciencia bébeda de que o problema de España é que a presidenta da rexión madrileña copiou ou non copiou un máster dunha universidade corrupta. Unha outra comedia banal nese putiferio que é toda a corte madrileña.

E non, o problema de España se acaso é o estado refranquistado que xa ten a unha parte da populación baixo estado de sitio, coa cumplicidade de toda a política española e o embrutecemento da sociedade. Esa sociedade transformada en público distraído en nimiedades e chistes sobre se as raíñas se levan ben ou mal e se unha tal Cifuentes copiou.

Non me debera lamentar de saberme escritor sen estado, así podo coñecer que a realidade que constrúe ese estado é unha grande imbecilidade e que o que me propón é entrar a xogar na lama e na puerilidade. Francamente, nunca ninguén pensara antes que Madrid fose comunidade autónoma, ese si é un tema de moito nabo, e moito menos me interesa a min o que fixo unha señora da que descoñezo mérito ningún. Iso si, que un goberno tan corrupto e canalla teña esa oposición di moito do estado coñecido como Reino de España, o das tres raíñas mal levadas.

Comentarios