Opinión

É máis que unha ilusión, é unha esperanza ben razoábel

Os resultados electorais das municipais indican cambios políticos importantes na sociedade galega

Os resultados electorais das municipais indican cambios políticos importantes na sociedade galega e xa que a realidade muda hai que adaptarse so pena de ficar fóra dela.

Lembro perfectamente como era a sociedade galega hai corenta anos, en morrendo Franco comezou un proceso político que chegou aquí. Polo medio recobramos autogoberno na forma de autonomía política. A fundación “Galiza Sempre” veu facendo estes meses pasados un balance económico e social de como teñen sido esas décadas, mais cómpre que o conxunto da sociedade galega faga tamén as súas contas.

De todos xeitos, todo iso xa vai aló, este país é ben distinto daquel de hai corenta anos, a súa estrutura económica e social é outra, as camadas sociais variaron, o mundo no que vivimos é outro, as nosas vidas son outras.

A crise económica acelerou diversos procesos que viñan de antes, eis as dificultades do nacionalismo galego para ser hexemónico nos sectores máis dinámicos da nosa sociedade. Tamén a emerxencia dun novo sector no que a crise bateu fortemente, que ficaba apartado da política e agora está mobilizado, a mocedade. Particularmente unha xeración urbana con estudos universitarios e gran capacidade de organización nas redes sociais e educada nos medios de comunicación.

Xa que a realidade muda hai que adaptarse so pena de ficar fóra dela
  

Esa nova xeración de cultura urbana ten características propias. Son persoas que xa non está encadradas nas organizacións sindicais nin as organizacións sociais que veñen de atrás, están no paro ou teñen traballos precarios e as súas referencias culturais e mesmo ideolóxicas están na Internet ou na televisión. Só así é comprensíbel que un profesor universitario madrileño que é líder e icona televisiva teña como unha referencia a serie norteamericana “Xogo de tronos”. Hoxe a vida é así, unha vaca co seu alento e o seu olor é algo ficticio para millóns de nenos e adolescentes e un personaxe da Rede élles real. E realmente a Rede tamén é real, é unha nova realidade e con iso hai que vivir e mais aí hai que sachar.

Mais esa nova xeración á que se lle está a negar o presente e o futuro está a mobilizarse pola súa existencia, lexítimamente quere un lugar na sociedade e por iso as súas demandas son lexítimas. E, aínda que os seus problemas non están xa solucionados nin o van estar doadamente, sequera xa gañaron o seu lugar na sociedade. Hai que contar con eles.
    
O BNG, aínda con todos os poderes en contra e ignorado polos medios de comunicación nunha batalla política controlada e hexemonizada absolutamente desde Madrid, obtivo uns resultados moi dignos. Numéricamente e tamén por implantación territorial é a terceira forza política galega e un partido decisivo na maioría dos concellos galegos e deputacións. Con todo é innegábel que o ascenso das candidaturas independentes particularmente na provincia coruñesa, “territorio Voz”, indican claramente unha tendencia política que non é conxuntural. É unha tendencia de fondo que vai proseguir no resto da sociedade.   

Nun momento no que se vai volver a debater a estructura do estado precisamos un grupo parlamentar propio nas próximas cortes cun proxecto nacional e progresista

As cidades e as novas xeracións marcan as tendencias e as vilas e aldeas non son alleas ás canles de televisión madrileña que están a conformar a conciencia da poboación e que amplifica o seu efecto nas redes sociais.

Desde o punto de vista da esquerda o resultado das municipais é moi bo, o conxunto da sociedade quere un cambio de rumbo. Falta que ese nova enerxía democrática non escape tragada no magma da política madrileña, onde nós, a cidadanía do noso país, non existe. É preciso que ese capital humano tan valioso se radique na Galiza, partille xuntamente coas organizacións nacionalistas galegas un proxecto cívico nacional. É precisa unha alianza entre correntes políticas con culturas distintas nun proxecto común.

Na noite das municipais un grupo de amigos atendiamos ás canles de televisión conforme daban a información dos resultados, alegrámonos da derrota da Esperanza Aguirre e da vitoria da Manuela Carmena, alegrámonos tamén dos bos resultados da Ada Colau, é a entrada na cidade dunha nova política, e alegrámonos dos bos resultados das candidatura “Marea Atlántica” na Coruña e “Compostela aberta” en Santiago, mais os resultados do BNG non aparecían por ningures nas canles estatais. Na “Sexta” e demais a Galiza non existía, só existían tres cidades da provincia coruñesa a través das “mareas”. Cando o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, compareceu a dar os resultados só apareceu na TVG. “Atendamos ao que di Vence, pois non o habemos ver en ningunha outra canle”, só puiden dicir. Galiza non existe na nación madrileña e o BNG non ten medios de comunicación que o patrocinen. Eis polo que, aínda conscientes das súas limitacións, moitos apoiamos e votamos BNG: para que a Galiza exista.

Esa é a responsabilidade que ten o BNG e a que lle esiximos, que lidere a construción dunha alianza nacional progresista

Porén, non hai esperanza na desesperanza, os escritores propendemos a sermos melancólicos, está no noso, mais os partidos, sobre todo cando son imprescindíbeis a unha sociedade, teñen que ser animosos e esperanzadores, esa é a responsabilidade que ten o BNG e a que lle esiximos, que lidere a construción dunha alianza nacional progresista. O PG participou da Frente Popular e liderou a consecución dun proxecto democrático e nacional, o estatuto de autonomía de entón. Hoxe, nun momento no que se vai volver a debater a estructura do estado precisamos un grupo parlamentar propio nas próximas cortes cun proxecto nacional e progresista. Non pode ser que o noso país non teña existencia propia.

E a iso entendo que responde a iniciativa en “facebook”, “Pola unión: galicia existe e quere existir”, á confianza de que hai unha enerxía social que está por mobilizar e que o fará se se consegue ese entendemento necesario.

Comentarios