Opinión

Longa noite, pois si

É evidente que o franquismo condicionou as nosas vidas e ha condicionar aínda as dos que veñan. Quen máis insista en negalo máis demostra a súa condición de herdeiro. Longa noite vai directo á ferida, ese título abondo coñecido entre nós adianta a intención.

O filme é cinema lexítimo, non hai secuencias mais todo son planos e tempo. E palabra. Pode ser que Ingmar Bergman non tivese a man unha materia tan potente como a desgraza nos ofreceu a nós, e por iso os seus personaxes só coñecesen os dramas e non puidesen dicir as palabras que corresponden á traxedia.

A palabra aquí, por veces unha palabra dunha grande elegancia e precisión, tan afiada que ofende. Hai algúns parlamentos en boca de muller que desconcertan as ideas previas e varren coa ideoloxía e fan calar. Antígona desafía a lei e a razón social.

O filme é cinema lexítimo, non hai secuencias mais todo son planos e tempo

Doutras veces a palabra enuncia perfectamente os discursos do conformismo, que é dicir o edicto do poder e a lingua que interiorizan e repiten os vencidos. A lingua de quen xa nunca poderá ter esperanza.

Pola contra existe sempre aló no fondo unha muxica de esperanza para a xente desesperada, «este mundo é o peor que eu vin», di unha muller na rúa a pedir. E na carraxe asoma na punta da lingua a posibilidade de imaxinar a revolta, que é a volta do soñado.

Os discursos dos personaxes ás veces son inverosímiles para o realismo, mais o filme non o pretende, pretende a verdade. Ese punto de desesperación puritana precisamente, dicir a verdade.

Do frío da rúa ao tedio e a tristeza do mundo propiedade dos vencedores. A celebración do triunfo dá tristura e o canto do alcalde á fartura da nosa terra provoca o vómito. A celebración dos nosos alimentos resulta sinistra por familiar, «Aínda non viches esta terra con bos ollos! Onde patacas máis saborosas. Onde os nosos repolos. Onde xamóns tan saborosos! Non podemos esquecer. Estamos nun sitio que non coñece a fame!» Tan familiar ese patriotismo do bandullo, esa apoteose do churrasco. Tan degradado, degradante, saboroso e noso.

O camiño que vai da cidade e a vila á aldea e logo ao páramo e ao bosque, o alongamento do tempo fílmico, é tamén un camiño á esencialización do tema, un pasar da teatralización á voz poética. Unha voz espida e xa sen corpo que repite o eco dos presos. Que a voz poética remate na humillación dun desesperado só nos di que a nosa historia é a do fracaso dos vencidos.

Cada personaxe é un plano e palabras e palabras e palabras. Hai un protagonista que chega precisamente para ouvilas, vai dun a outra a outro para ouvir o que cada quen sabe, e cada quen sabe a súa derrota. «Miña queridísima, ás dúas e media da madrugada levantáronnos. E o resto xa o sabes». «Dille ao Pepucho que non se meta en política, antes diso que pase fame. E pido perdón, perdón a todos». A destrución da dignidade, do vivido e da propia vida.

A destrución de todo. Iso foi, iso conta.

Hai que deixar xa de celebrar os éxitos novos e vellos do cinema galego, hai que apreciar unha a unha cada obra artística.

Comentarios