Opinión

O libro de Camilo Nogueira

O novo libro de Camilo Nogueira é asombroso. Primeiramente é asombrosa a enerxía vital e a capacidade intelectual de alguén que nos ofrece, nesta altura da súa vida, unha obra que coroa toda unha traxectoria de creación intelectual que se nos veu ofrecendo décadas por diferentes camiños entretecidos, a política, a economía, a historia, a cultura...

Aínda que non debera asombrarnos, pois Camilo leva dado probas toda a súa vida dunha curiosa mestura de tenacidade, intelixencia que analiza o presente e se emborca cara o futuro e ousadía intelectual. Afeito a desvelar tanto o valor do herdo nacional que nos foi ocultado como a sinalar as sementes existentes de futuros posíbeis.

Este libro non é para ser lido nunha sentada nin en dúas, é para gozar da súa fecundidade e sachar nel co lapis de dúas cores e para ter sempre a recado

 

“Unha nación no mundo (a razón resistente)” é un cume creativo pois, superado o asombro de asentir a esta manifestación de frescura e ímpeto intelectual de alguén que nos fala desde a altura dun camiño andado de compromiso coas causas democráticas e co noso soño nacional. Desde o comezo enfrontámonos a un texto ateigado de información, unha cantidade inxente de información que vai ás rastras dunha man severa que sinala en cada momento o lugar da Galiza non só no devir das monarquías europeas e peninsulares e, sempre, na evolución da civilización europea e mundial.

Este libro non é para ser lido nunha sentada nin en dúas, é para gozar da súa fecundidade e sachar nel co lapis de dúas cores e para ter sempre a recado. Digo que non debera faltar en casa ningunha a carón do “Sempre en Galiza”. O libro de Nogueira puido beneficiarse da extensa bibliografía histórica en diversas linguas existentes hoxe e que non existía nin Castelao tiña ao seu alcance, porén a intención é a mesma, pór o coñecemento histórico e político ao servizo da mesma causa.

Mais Nogueira non só nos deixa unha cantidade inxente de información para nós seguir eses fíos que el lanza nunha e noutra dirección, tamén traza a figura da Galiza como un continuo histórico mostrando negro sobre branco o fío da existencia do país unha vez e mais outra até nós. Case diriamos que demostra que, queirámolo ou non, a Galiza é unha realidade histórica tan teimuda que ha seguir existindo aínda que as nosas xeracións fosen tan insignificantes e banais que carécesemos da coraxe e a lealdade para seguir afirmándoa.

O sectarismo tan dominante non vai conseguir afogar a evidencia de que é un libro que marca un antes e mais un despois

 

Abre o libro retomando os fíos dinásticos dos reinos peninsulares e europeos, continuando os seus traballos anteriores de crítica da historiografía españolista e de reconstrución dos avatares do Reino galego e remata, xaora, na construción da Europa actual. Para quen porfía na argumentación de que a nación galega é posíbel no mundo actual son interesantísimos os lugares do libro onde nos encontramos coa figura espléndida do Antolín Faraldo, todo o mellor das xeracións futuras está xa en Faraldo, e de Murguía. E no enfrontamento entre Castelao e o galeguismo do exilio, teimando en pretender a soberanía nacional e o republicanismo, a e Piñeiro e o galeguismo do interior, seguindo os pasos do dominio norteamericano sobre Europa tras a II Guerra Mundial e a renuncia a existir nacionalmente.

O sectarismo tan dominante non vai conseguir afogar a evidencia de que é un libro que marca un antes e mais un despois tanto na historiografía como no pensamento político no noso país. Mellor tiremos proveito do traballo de Camilo Nogueira, pura razón, como el gustaría de dicir. É, mais tamén pura paixón. Paixón nacional.  

Comentarios