Opinión

Insoportábel postración da Galiza

Hai momentos nos que se fai visíbel o que ocorre nas sombras, nos que aflora e se mostra un proceso profundo.

Iso está a ocorrer coa situación histórica da Galiza con dúas noticias que poderían ser calificadas de “culturais” e que o son no sentido máis amplo, pois mostran a postración económica, social e política na que se encontra o noso país. Refírome á desaparición do Centro Galego de Buenos Aires e a que Abanca elimine o uso da lingua galega nos contratos cos clientes.

A noticia non é se un cadro de Castelao vén de visita ao noso país, a noticia é a fin dunha época, o ciclo histórico comezado no século XIX e continuado no XX de emigración masiva a América, un destino compartido por xudeus europeos, sicilianos, polacos, noruegueses, irlandeses...Un ciclo que permitiu a supervivencia persoal desas persoas e familias, moitos emigrados non por fame senón por escapar do terror, e que non conduciu á crear os instrumentos que o país necesitaba para sobrevivir históricamente.

A diferenza entre a emigración galega, humanamente poderosa mais sen a cobertura nin a conciencia nacional dun estado, e outras é que se disolveu como auga dun río nunha ría e non puidemos nin soubemos aproveitar. Esas penurias e eses traballos, esas capacidades acabaron servindo ao estado franquista e non aproveitaron para que aquí cambiasen as estruturas para que deixásemos de ser unha terra que exporta, expulsa, seres humanos, como denunciou lucidamente o Castelao.

A diferenza entre a emigración galega, humanamente poderosa mais sen a cobertura nin a conciencia nacional dun estado, e outras é que se disolveu como auga dun río nunha ría e non puidemos nin soubemos aproveitar

O paradoxo resúmeo ben a historia desa entidade, Abanca, alimentada co aforro de xeracións de galegos e galegas, emigradas ou non, que fomos enchendo un peto e que acabou en mans dun capital tan alleo que agora renega da nosa lingua.

Cada día pregúntome como é que non xorde de entre nós un impulso nacional capaz a delimitar unha eira pública, un proxecto cívico transversal e nacional galego, que nos reúna nun proxecto liberador e democrático común. Que supere sectarismos e ofreza un horizonte a este país orfo de todo amparo.

Comentarios