Opinión

Guerra e paz

Por protexérmonos dun bicho estamos dentro dunha esfera feita de coerción e autoconvencemento. Os Estados, este Goberno e nós propios estamos convencidos de que temos que nos encerrar nas nosas casas, que de ser refuxios pasaron a ser celas máis ou menos confortábeis.

Non hai dúbida de que para conseguir iso é precisa a coacción do Estado e este Goberno PSOE/UP escolleu a ocasión para facelo cunha carga de ideoloxía política que era de prever. Era de prever porque o 155, o “¡A por ellos!”, do anterior Goberno do PP no que participou desde o rei até as policías pasando polo poder xudicial e coa complicidade activa ou de perfil da oposición de entón foi un endurecemento do Estado. Era de prever que este Goberno na vez de afrontalo cun criterio específico para unha pandemia que se achegaba o fixese de modo militarizado e rescatando o “primer soldado”, que esta vez non era Ryan que era Borbón. Un triste erro xogar a facer unha guerriña na vez de colaborar cos Gobernos autonómicos e liderar unha acción conxunta. O mal xa está feito.

Naturalmente parte da estratexia de guerra é o ocultamento da verdade e o engano. E así non sabemos realmente o que está a ocorrer na comunidade autónoma madrileña, o que é peor, non o saben os veciños desa comunidade. Madrid é unha parte do gran tabú do réxime político porque vai inextricábelmente unido á monarquía e á corte dos poderes. Quen está a pagar ese grande despropósito político agora son principalmente os propios veciños desa macro cidade.

Atravesaremos esta crise, como sempre na historia de España farémolo da peor maneira, sen aprender e envoltos na mentira, como sempre cun Exército reforzado, cun Borbón asentado e cun prezo humano que vai pagar a poboación. Porque xogar á guerra sen necesidade é unha inmoralidade e, aínda por riba, o camiño máis improdutivo e ineficaz para solucionar cousa ningunha.

E, como sempre, fica claro que as únicas voces ou as primeiras en resistirse aos despropósitos deste Estado son esas que nacen nos países negados, iso que a corte e os cortesáns chaman “la periferia”. A periferia dese desastre do que nos debemos preocupar como cidadáns para defendernos desa acumulación absurda de poder e agora para preocuparnos pola saúde de tantas persoas alí entregadas ás desfeitas do PP e a torpeza destoutra xente. Non cuspamos para arriba, aquí temos o colmo do cinismo, o presidente que fala como o de Castilla La Mancha, que desmontou a sanidade, que agocha as mascarillas que precisan os sanitarios e que aproveita a desgraza para culpa ao Goberno. A súa campaña electoral non descansa.  

Comentarios