Opinión

A Galiza ve a súa imaxe pálida no espello catalán. Unha proposta

O que hai de poderoso nesa xornada do 9-N que protagonizou a cidadanía catalá está nesa imaxe do que chamamos “persoas comúns” nun día alegre, xente en liberdade.

    O que hai de poderoso nesa xornada do 9-N que protagonizou a cidadanía catalá está nesa imaxe do que chamamos “persoas comúns” nun día alegre, xente en liberdade. A imaxe que puideron contemplar millóns de persoas nos canais internacionais de persoas que non eran militantes convencidos dun partido, tampouco encerradas nunha ideoloxía que os mantivese encerrados nunha teima, senón de cidadáns e cidadás con dignidade persoal e colectiva simplesmente.
     Non se trataba dunha loita dunha clase ou dunha facción social contra outra, tratábase dunha comunidade humana, dun pobo, dunha nación. Persoas de toda condición e procedencia que reivindicaban cada un seu dereito persoal a ser respectados por un goberno autoritario e que, a carón, querían evidenciar que entre todos formaban unha nación. Case dous terzos da populación mantívose á marxe (como na maioría dos referendos por certo) mais ese trinta e algo por cento do censo é a cerna de calquera nación. Neste caso, unha nación moi vezosa cunha cidadanía envexábel, militante, non se esqueza o que foi a participación nesa xornada democrática: eses dous millóns trescentas mil persoas cometeron un acto de desobediencia civil. Sabíano, estaban ameazados.

Non se esqueza o que foi a participación nesa xornada democrática: eses dous millóns trescentas mil persoas cometeron un acto de desobediencia civil. Sabíano, estaban ameazados

  Se o nacionalismo galego se detivese o tempo bastante a ollar esas imaxes comprendería aquilo no que se leva equivocando tantas décadas. É moi simples, a xente non é o problema, senón a solución. Non hai máis cambios sociais posíbeis que os que desexa e nos que participa a xente, esa mesma xente que hoxe vota para opcións reaccionarias e, ou, españolistas. Iso quere dicir que se non conseguimos que se identifiquen connosco é porque nós non nos identificamos con eles o bastante.

    A sociedade catalá é moi democrática e o que demanda é o que demanda a xente xusta e pacífica, xustiza e liberdade. Ou sexa, democracia. Non hai outro camiño posíbel nin desexábel que cultivar en nós a cultura da liberdade, do respecto á diversidade, da tolerancia e o diálogo co contrario.

O nacionalismo galego ten que ser, como na República, máis moderno que a propia sociedade e coa ambición de gobernar

    O galeguismo republicano supuña para o país, alén dos propósitos de autogoberno e procura de prosperidade nacional, unha proposta civilizadora. Republicanos, tolerantes, diversos, encarnaban a imaxe futura e posíbel dun país mellor que o que había. A proposta coa que se mostra hoxe o nacionalismo galego aínda non conseguiu ser esa.

     Pódese dicir que até hoxe o nacionalismo galego non conseguiu presentarse ante a sociedade como unha forza preparada e, sobre todo, disposta a gobernar e liderar o país. O nacionalismo galego non foi capaz de encarar a realidade existente e desafiala, móvese nunha paisaxe interna de fantasías e formulacións ideolóxicas que, fóra na sociedade, moi pouca xente cre. O nacionalismo galego ten que ser, como na República, máis moderno que a propia sociedade e coa ambición de gobernar. Non é quen verdadeiramente a dicirlle á sociedade, “Queremos gobernar a Galiza. Estamos preparados e sabemos o que queremos facer. Dádenos o goberno!”

A Galiza por primeira vez en tempo pode ficar fóra dun Parlamento que probábelmente será constituínte dun novo sistema político
   

 E sen mudar aspectos importantes da ideoloxía dominante non o conseguirá. Máis que debilidade política é covardía a debilidade da reacción ante un desafío como o que afrontamos. Vaise reformular o poder político en España, Catalunya e Euskadi van participar activamente negociando lexítimamente as súas posicións a través das súas organizacións propias. E a Galiza por primeira vez en tempo pode ficar fóra dun Parlamento que probábelmente será constituínte dun novo sistema político. Nas próximas eleccións, tras as rupturas e movementos políticos, a Galiza pode deixar de estar representada nas Cortes por unha forza política propia, pode perder alí a súa representación nacional, xa tan cativa.


O BNG é a organización que ten a forza e a lexitimidade para convocar a todas as organizacións galeguistas e nacionalistas galegas para construir unha proposta política, cultural e social

     O BNG é a organización que ten a forza e a lexitimidade para convocar a todas as organizacións galeguistas e nacionalistas galegas para construir unha proposta política, cultural e social ao noso país. Non abondaría con volver a xuntar pedazos tan irresponsabelmente separados, iso só sería o comezo para chamar logo á cidadanía a agruparse nunha candidatura unitaria da nación galega.
      Para escribir iso non tiven que estudar nin pensar moito, bastoume con abrir os ollos, contemplar as imaxes dos cataláns no televisor e dar unha ollada ao meu arredor e contemplar a gravidade do momento histórico. Hai proposta máis lóxica e máis evidente?

Comentarios