Opinión

O fracaso de Feijóo non debe ser o noso fracaso

 

Unha noticia como calquera outra, lida hai uns días no Faro de Vigo: a emigración galega aumenta cada ano, sobre todo a outros territorios autónomos, particularmente a Madrid.

 

A noticia mostra dúas cousas. A primeira, o evidente fracaso da xestión de Núñez Feijóo, a mocedade e a poboación traballadora en xeral encontra noutras autonomías o que non encontra aquí, traballo e posibilidade de levantar unha vida. É evidente e innegábel.

 

A segunda, que é Madrid o lugar onde a xente encontra ou cre encontrar esas oportunidades que o seu país non lle dá, que as políticas que gobernan Galiza non dan. E isto haino que ver á luz das relacións centro periferia e mostra que o expolio económico que fai a corte ten unha dupla consecuencia. As empresas que marchan de aquí para trasladar residencia fiscal a Madrid, cada oportunidade que marcha, debilítanos económica, social e moralmente, acrecenta a conciencia de que “non somos nada”, e inmediatamente reforza o poder da Corte e o seu dominio sobre as súas provincias.

 

As empresas que marchan de aquí para trasladar residencia fiscal a Madrid, cada oportunidade que marcha, debilítanos económica, social e moralmente

 

Segue a rexer a mesma regra de ferro que denunciaron os intelectuais da Revolución Galega en 1846: Galiza segue a ser unha colonia da corte. Expolio e dominación.

 

Esa noticia da emigración continuada e a procura de oportunidades en Madrid ten unha relación directa con outra que comentabamos aquí hai uns días: o contubernio Feijóo/M.Rajoy/Bieito Rubido/Florentino Pérez. A merenda en Cedeira. Que cousa viña buscar e levar Florentino aquí? Que lle prometeu Feijóo? Cada pedazo de nós que levan os Florentinos para o seu palco do Bernabéu fainos máis pobres e máis débiles. E aumenta a sumisión na populación.

 

A única consecuencia que eu podo tirar desas evidencias é a mesma que a dos intelectuais de 1846: só o termos poder propio nos redime dese dominio que nos sangra. Só a soberanía, autogoberno, autoorganización.

 

Comentarios