domingo 28/02/21

A forza indicíbel do Agustín

No mundo da cultura de calquera pais hai figuras de toda caste, intelectuais e artistas que, alén de ofrecer o seu traballo creativo, compiten, loitan, defenden intereses particulares e posicións estéticas ou ideolóxicas. A figura do Agustín Fernández Paz non semella nin deste país nin deste mundo, o Agustín foi, é, un tipo único. E por iso todos queriamos ser amigos seus.

Non me cadrara ter apenas tratro previo co Agustín. porén, ao que souben que lle picara o bicho, achegueime a el na primeira oportunidade, coido que foi con motivo dunha desas homenaxes que facemos cando a alguén o consideramos inofensivo ou está marcado pola morte. Eu sei ben por qué o fixen, porque gustara daquel home simplemente.

Cando coñecemos a unha persoa que é especial por un motivo ou outro desexamos reter algo dela. Nese caso a nosa motivación é procurar enerxía, buscar a luz, é un dos resortes esenciais que move a vida dentro nosa. Mais, no meu caso pódese dicir que foi un acto político, foi un acto consciente de recoñecer e reforzar unha posición dentro do noso mundo cultural. Esa posición, a de Agustín, é a posición da esperanza. E a do amor.

Cando coñecemos a unha persoa que é especial por un motivo ou outro desexamos reter algo dela

Tense dito antes e tamén estes días que Agustín era moi boa persoa, érao mais iso non pode resumir sen máis a súa forza, o seu poder. Porque expresouse coas armas máis humildes, a modestia insistente do mestre, o oficio tomado a serio de escritor e os modais respectuosos, porén foi un loitador duro. Non falo do seu rexeitamento a un honor porque esas autoridades que llo concedían estaban a traizoar ao seu país, iso simplesmente é a coherencia dun home que sabe que cando os días que quedan están contados cada acto é valioso e ten que ser verdadeiro.

Non falo diso, non, falo do grao e na altura na que foi boa persoa, falo da súa dureza e da súa militancia no amor. A súa forza estivo, está, no amor que repartiu en todas direcións. Era un exemplo vital de bondade e actitude cariñosa, por iso era tan querido e por iso era tan valioso nun país cheo de feridas, odios e autoodio. O Agustín era o exemplo de que podemos ser bravos sen deixar de ser bos. Por iso o queriamos, porque nos facía mellores.

Era un exemplo vital de bondade e actitude cariñosa, por iso era tan querido e por iso era tan valioso nun país cheo de feridas, odios e autoodio

E quen crea que a bondade é unha inxenuidade que non ten dureza non acreditará tampouco en que o Agustín era ideolóxicamente consistente, érao. No mes de Maio do ano pasado, o seu máis que querido amigo, o seu irmanciño Xabier Puente Docampo e mais eu gabexamos o texto dun chamamento que quería mobilizar as enerxías do galeguismo e, mesmo, a esperanza deste país desconcertado. Foi o Agustín quen lle puxo o ramo ao texto e quen lle deu o título, tirado dun poema do Curros, “Pola unión!”. Quen queira coñecer o pensamento político do Agustín só ten que procurar a páxina de “Facebook” “Pola unión! Galicia existe e quere existir.” Esa unión do Agustín non é senón outra consigna dun militante na esperanza e no amor. Unha consigna para hai un século, para o ano pasado , para outro ano e para agora mesmo.

comentarios