mércores 03.06.2020

Con aquela fariña fixeron esta triste empanada

O primeiro capítulo da serie “Fariña” non defrauda o que promete. Trátase dunha serie para o público máis amplo nunha canle comercial aberta e ofrece un relato resumido e claro da transformación dun sector económico, o transporte e comercio de contrabando de tabaco e de narcóticos. Moi ben interpretada e cunha fórmula lingüística que pode ser discutíbel desde varios puntos de vista mais que resulta eficaz para transmitirlle ao público español que os galegos, alén de contrabandistas e brutos, temos unha maneira peculiar de falar e para que os galegos recoñezamos a esas personaxes como veraces. Narrativamente funciona.

Resulta sorprendente que por veces se mencione a Fraga Iribarne ou se aluda ao seu partido, “os de sempre” como unha parte necesaria nese negocio. Non creo que vaia aparecer finalmente na serie esa parte da rede criminal que condicionou a política do noso país, que instalou no goberno da Xunta tantas décadas unha organización que representaba os intereses dos “carteles”, nin sequera as andanzas de Matta Ballesteros por Madrid e A Coruña.

Durante un tempo a imaxe dos galegos como xente rara e absurda como Rajoy ou como xente astuta e capciosa vai ser suplantada pola de xente brava e salvaxe, un tópico mudará noutro

 

Como a serie está basada no relato coñecido, xulgado e en hemerotecas que fai o xornalista Nacho Carretero no seu libro “Fariña” e como o libro recibiu un delirante secuestro que vai ser a mellor propaganda para o libro e a serie, as sorprendentes peripecias deses homes destemidos e crueis van ser un éxito de público. Durante un tempo a imaxe dos galegos como xente rara e absurda como Rajoy ou como xente astuta e capciosa vai ser suplantada pola de xente brava e salvaxe, un tópico mudará noutro. Mentres sexamos provincias da corte seremos o que alí digan de nós, non lle hai que facer. O peor de todo é que a xente aquí verá cos ollos de alí, verémonos na imaxe que eles crean de nós.

O que non contará de vez a serie é algo moi simple, esas andanzas de gángsters son o que explica a España de hoxe. O relato é simple, o Partido Popular, antes Alianza Popular, foi cebado co diñeiro negro do delito, contrabando de tabaco e narcóticos, e esa trama política seguiu logo financiándose con diñeiro negro doutro delicto, a corrupción baseada na cumplicidade con empresarios para delinquir. Sempre houbo sobres de diñeiro negro procedesen dun delicto ou doutro. Fraga e o Terito, Nené Barral, Bea Gondar, Oubiña, Sito Miñanco... deu paso a Rajoy e aos novos cúmplices da corte, basta ver todos os sumarios nos que está implicado Florentino Pérez ou Villar Mir... A mesma política corrupta, esta vez ascendeuse da corrupción de gardas civís e patrullas de costas á corrupción do estado mesmo. Aquela trama inicial estendeuse e fundiuse coas estruturas íntimas do estado franquista, hoxe é o sistema político.

O Partido Popular, antes Alianza Popular, foi cebado co diñeiro negro do delito, contrabando de tabaco e narcóticos, e esa trama política seguiu logo financiándose con diñeiro negro doutro delicto, a corrupción

 

Quen queira coñecer o Reino de España ten que ver efectivamente esa serie e logo completar o brazo político da trama criminal. A fotografía de Feijóo a bordo do iate do narco non é unha anécdota, é o resume desa tremenda realidade política e social, un elo da cadea que une aquela mafia política das nosas rías e consellerías coa política española actual. Con aquela fariña fixeron esta empanada de corrupción.

comentarios