Opinión

Falen BNG e Anova, entre eles e ao público

O proceso iniciado en Xuño para crear unha candidatura nacional galega ben pode ser que fracase

O proceso iniciado en Xuño para crear unha candidatura nacional galega ben pode ser que fracase, haberá xente derrotada: a que puxo nela as súas esperanzas e intentou verdadeiramente que nacese. E, primeiro de nada, a quen se lle inflixe dano é a este país. Haberá responsábeis, naturalmente, e mesmo culpábeis tamén.

Contemplando a realidade social cun sentido de país e con perspectiva histórica, de fracasar este proceso teremos que concluir con toda seguridade que nos faltaron verdadeiros dirixentes. E deberan asumir as consecuencias políticas, quer por incapacidade quer por irresponsabilidade.

Porque se é certo que o momento político que vive o Estado español é unha crise dun carácter semellante ao que viviu a finais dos anos setenta, se estamos nunha conxuntura histórica tal como pensamos moitos, quen está a pór obstáculos para que a Galiza teña unha candidatura social e nacional propia terá altísima responsabilidade e culpa. E a historia non absolverá.

Naqueles anos a esquerda e o galeguismo non tivemos forza nin soubemos axir naquela conxuntura. Non fomos quen a facer unha ruptura democrática co franquismo e, posteriormente, a nosa debilidade nacional fixo que a autonomía galega fose debilitada polos partidos españois, UCD, AP e PSOE, e a nosa miopía que nacese con poucos apoios da esquerda e o galeguismo. Foi así que o goberno da Xunta foi ocupado históricamente pola dereita españolista con graves consecuencias económicas e sociais. O balance dos últimos trinta anos para o noso país é demoledor: o relato dun expolio das súas enerxías e posibilidades. Non falo da lingua e a cultura, falo de sectores industriais, do mar (acampado agora frente ao edifico da Xunta en San Caetano), do campo, dos recursos financieiros…Un balance catastrófico que esixe unha reacción. Non concibo que calquera decisión política que se diga de esquerdas, progresista ou galeguista non parta desa constatación, de ollar ao noso arredor.

O BNG foi eses anos tanto a expresión política da Galiza, a garantía de que existía un país con proxecto nacional, como a súa propia limitación

Neses anos pasados, correntes de esquerda e galeguistas foron confluindo, tras o fracaso de Unidade Galega e PSG-Esquerda Galega, no BNG. Que ocupou o espazo político tamén que antes ocupara o PCG, logo IU. Porén, o BNG foi eses anos tanto a expresión política da Galiza, a garantía de que existía un país con proxecto nacional, como a súa propia limitación. As súas análises conducían sempre a ir uns anos detrás dunha realidade que muda constantemente e a súa cultura política, baseada na crenza de ser a única opción e ter a única posición, era ríxida e excluínte. Motivo polo que moitas persoas, aínda sendo de esquerdas e comprometidas co país, nunca quixeron entrar nesa organización. Con todo, todos sabiamos que naquel panorama político era unha forza non só necesaria senón imprescindíbel. E, calquera que fale con honradez, terá que recoñecer os méritos individuais da maior parte da súa militancia, aínda hoxe ser do BNG supón unha aposta difícil nos traballos, na vida social. Mesmo unha estigmatización.

Cando o BNG rompeu, o que moitos vimos desde fóra foi unha división en dúas direccións, o BNG ficou na posición na que estaba e a escisión, Anova, buscou confluir con IU. Máis tarde con “Podemos”. Con todo, a cultura política tanto de uns como doutros non mudou moito, non se viu que uns ou outros aprendesen moito da cultura do diálogo, o recoñecemento do distinto e aínda do contrario, evitar a descualificación persoal…En conxunto encarnan ben o que é a cultura da desconfianza. Ou así o temos percibido moitas persoas desde fóra nestes meses pasados. Neste tempo no que tanto se ten invocado á cidadanía e se ten falado da transparencia, da participación, tanto se ten criticado os acordos por atrás, lonxe entre cúpulas temos vivido os peores exemplos en relación co noso propósito de crear aquí e con participación individual e colectiva sen exclusións. A rexeneración dos modos da política só virá da responsabilidade individual, de participar e esixir.

Nese contexto político e ideolóxico madrileñizado, o noso país desaparece, tragado nas dinámicas centralistas e somos catro provincias madrileñas desvalidas e sometidas

Desde hai uns anos a política española viviu unha recentralización política, organizativa e ideolóxica moi forte. Un proceso de “madrileñización” fortísimo, o AVE radial centralizado na Puerta del Sol ten o seu correlato nun AVE dos medios de comunicación e un AVE da política e da ideoloxía. Só Catalunya e o País Vasco foron quen a crear e manter vida propia. Agora tamén Valencia.

Nese contexto político e ideolóxico madrileñizado, o noso país desaparece, tragado nas dinámicas centralistas e somos catro provincias madrileñas desvalidas e sometidas. A reacción iniciada aquí entre nós no mes de Xuño, a petición aos partidos e á cidadanía dunha candidatura unitaria tras as municipais, quixo e quere ser un punto de inflexión.

Ese proceso chocou desde o primeiro momento cun obstáculo: o inmediato pasado da esquerda nacionalista. Chocou coas experiencias vividas pola xente que foi e a que aínda é do BNG. Quen botou o proceso de unidade a andar e o mantivo en movemento percibiu que uns e outros estaban presos do pasado recente. Calquera observador desinteresado ve que esa candidatura é posíbel só se se poñen de acordo o BNG e Anova. E o que calquera ve desde fóra é que as feridas, a experiencia  vivida hai aínda pouco tempo, impediulles e estalles a impedir ver. Ese pasado pesa e fainos cegos ao que vemos os demais.

Os liderados onde eles están?  Onde é que están esas persoas que asumen riscos nas horas decisivas? Porque esta é unha hora decisiva

Este país precisa urxente e concretamente esa candidatura. Endemais precisa tanto do BNG como de Anova. É absurdo pensar que o BNG vai desaparecer ou reducirse a invisibilidade, como no fondo soñaron algúns, acábano de demostrar as municipais, números cantan. Non só ten unha forte implantación e unha militancia brava e exemplar, tamén penetra todas as causas sociais do noso país e ten unha capacidade de resistencia probada. Agora que esa virtude, a capacidade e vocación de resistencia, precisamente é a súa debilidade, sabe resistir, resistirá sempre, mais teme levar a iniciativa política e guiar este país.

Porén, os que marcharon do BNG, Anova, é certo que teñen unha cintura, unha capacidade de moverse políticamente envexábel, un sentido táctico imprescindíbel, mais se iso non vai acompañado da gravidade necesaria, dunha organización que penetre a sociedade, fará que sexan leves, futís e logo marchen levados polo ar. Este país precisa deses dous elementos que se compensen e dialoguen.

E precisa de todos os demais, de todos nós, uns e unhas noutras organizacións, outros e outras desde os nosos zapatos.

Esa candidatura depende de nós, do número de persoas que non tira coa toalla, que non se refuxia na conformidade dunha facción e non concibe que se traizoe ao noso país

E, máis que nada, precisa dun proxecto nacional e liderado. Un proxecto nacional é o que nos dá a candidatura, un proxecto e un camiño para comezar a andar. Mais, os liderados onde eles están?  Onde é que están esas persoas que asumen riscos nas horas decisivas? Porque esta é unha hora decisiva. Onde é que hai dirixentes que na vez de limitarse a cumprir as expectativas das súas organizacións corren risco para salvar ao seu país?

Quen están a ocupar responsabilidades estanse a comportar limitados polo seu pasado particular e os límites partidarios, mais un país non é un partido ningún. Esa falta de visión de liderado impídelles ter perspectiva sobre a realidade histórica, non lembran, non coñeceron e non queren coñecer o desastre que foi perder a oportunidade histórica da fin dos anos setenta. E a súa cegueira impídelle ver esta conxuntura histórica na que a Galiza pode volver a perder o tren da historia.

Aínda máis, os seus cálculos particulares míseros impídelles ver que separados só hai miseria a repartir, seremos divididos dúas candidaturas a loitaren unha contra outra, ninguén soñe que vai facer unha milleira. Porén, xuntos hai para todos e hai unha oportunidade para toda cousa.

Nestas horas últimas hai quen xa tirou coa toalla do combate, é un erro. Esa candidatura depende de nós, do número de persoas que non tira coa toalla, que non se refuxia na conformidade dunha facción e non concibe que se traizoe ao noso país. Depende da coraxe cívica de cada un e cada unha de nós que esixa a esas dúas organizacións que senten a falar claro e público.

Esa candidatura vaina a haber por un motivo: porque tena que haber. É imposíbel que ninguén se atreva a boicotala finalmente porque lle esixiremos contas.

Comentarios