Opinión

Por que se escreve?

“Por que se escreve? Por que se deixa de escrever?”, son preguntas que me propón Xosé Mexuto 

“Por que se escreve? Por que se deixa de escrever?”, son preguntas que me propón Xosé Mexuto e a el nácenlle da noticia de que vai ser editado un romance de Harper Lee, a autora de “Matar un reiseñor”, que estaba por perdido e foi achado agora.

A edición dese novo romance que vai ser editado agora realmente non é un acto de escritora, aínda que vive, pois xa é unha persoa que non ten a capacidade de dirixir a súa vida e os seus actos, senón unha peripecia dun texto extraviado e esquecido. Harper Lee só asiste á súa edición, mais esa muller xa non é autora do libro escrito hai décadas, é outra persoa e non ten capacidade para ser escritora. Porque ser escritor, ademais de disposicións sicolóxicas e capacidades, pide autoconciencia e tamén enerxía.

Hai escritores, escritoras que poden dar á luz un continuo de obras, un caudal que se vai anovando e transformando e hai grandes escritores, escritoras dunha soa obra. Autores para a que escribir é un proceso de coñecemento no curso do tempo e autores que teñen unha única cousa que dicir ao mundo, en ocasións é unha cousa tan valiosa que, expresándose nun ou dous libros, abonda para que atendamos esa voz. Polo común iso que teñen por contar ten moito a ver coa súa propia vida. E logo xa non escriben máis, aínda que o intenten, porque non teñen outra cousa máis a dicir. Entendo que é o caso do Juan Rulfo. Ou o caso do Primo Levi. Ese tipo de obras adoitan ser imprescindibeis e, con todo, o paradoxal é que os seus autores non son propiamente escritores, son testemuñas de algo que cren que debe ser contado.

 Harper Lee só asiste á súa edición, mais esa muller xa non é autora do libro escrito hai décadas, é outra persoa e non ten capacidade para ser escritora

O caso da Harper Lee non saberemos se era únicamente autora deses dous romances, ambos libros tratan o mesmo asunto, ou se podía ter sido unha escritora dunha obra máis extensa e diversa. E aquí é onde hai que falar do que é central para situar unha obra literaria, a relación entre a obra e a vida da autora. Sabemos que foi, como dicía seu pai, “unha rapaza de aldea que vai a New York”, fíxoo en compaña do Truman Capote e tivo oportunidades alí para escribir e deu os pasos para facer unha carreira literaria. Semellan os pasos da biografía dunha escritora profesional. Porén, ela concebiuse a si propia como escritora na figura de “a Jane Austen do Sur da Alabama”, a obra que chegou a nós e a que promete chegar é a dunha “autora dun lugar e dunha historia”. Quen sabe se non era tamén unha autora dun único asunto ou se, como o William Faulkner, tería sido quen a recrear un mundo literario completo tomando como base á súa vila, Monroeville.

Con todo, nunca son claras nin doadas as relacións entre un escritor e o seu lugar, están cheas de receos e ambivalencias. Harper Lee coidaba que, a diferenza doutros escritores que gañaran a enemizade dos seus veciños por retratalos na ficción, ela “podía ir a casa outra vez”. Non é cómodo para ninguén verse retratado polos ollos dun veciño, tampouco lle foi cómodo a Monroeville. Finalmente Monroeville empoleirou a un reiseñor no seu escudo aproveitando a sona que lle deu a súa ilustre filla, esa é a forma final na que unha obra e un autor son asimilados por unha comunidade.

Non é cómodo para ninguén verse retratado polos ollos dun veciño, tampouco lle foi cómodo a Monroeville

E por que deixou de escribir Harper Lee? Non hai que matinar tanto, é simples. Tras o grande suceso do seu primeiro libro, foi levado ao cinema e protagonizado por unha estrela como Gregory Peck, preguntáronlle pola seguinte obra e ela contestou, “estou aterrorizada”. O suceso pode destruir a un escritor que comeza. A escritora ficou esmagada baixo un millón de exemplares do seu único libro vendidos cada ano nos EE.UU. O artista é unha criatura moi fráxil, o mesmo morre aterecido do frío da invisibilidade que abrasado da calor do suceso.

O artista é unha criatura moi fráxil, o mesmo morre aterecido do frío da invisibilidade que abrasado da calor do suceso

Tamén se pode deixar de escribir por extinción dunha lingua. Hai anos coñecín un ancián poeta occitano, sempre temín ese futuro para a miña lingua. Ten máis sentido que nunca escribir nunha lingua que está a estiñar, mesmo facelo para ningún outro lector non sendo un propio, mais cando morre ese autor que tamén é lector de si propio, en morrendo esa última testemuña a lingua expira. Certo que non é o noso caso, certo que as nosas palabras andan vezosas polo mundo adiante noutros países, noutros continentes, mais encerrados neste noso cárcere da Historia de España ás veces imaxino ese pesadelo: escribir para quen?

A manifestación de “Queremos galego”, o domingo 8 de Febreiro en Compostela é un berro rebelde que chama pola vida dunha lingua e dun país.

Non contestei á primeira pregunta, “Por que se escreve?”, seino. Iso pide falar baixiño e de vagar, ese é outro cantar.

Comentarios