Opinión

Esa tal burguesía

Ás veces preguntan polo comportamento político dos galegos, como é que tendo claro carácter de país e cunhas necesidades tan claras e problemas derivados do centralismo español entregan o Goberno a calquera lacaio da corte madrileña, a resposta sempre é confusa e a explicación longa de máis.

Eu resumo en que non temos elites dirixentes que conduzan un proxecto nacional galego, naturalmente teño que referirme á ausencia histórica dunha burguesía galega. Por simplificar, pois non é unha explicación exacta. O Reino da Galiza perdeu a clase dirixente, debilitada pola revolución Irmandiña e decapitada política e mesmo literalmente coa derrota dos partidarios de dona Joana e o seu marido o rei portugués polos partidarios da súa tía Isabel "La Católica". Sendo o reino dependente da corte dos Austrias e logo dos Borbóns non tivo política exterior nin económica propia, sometido a intereses contrarios. Non houbo unha evolución na dirixencia do país, mais si procesos de industrialización ligados á exportación e burguesía mercantil ligada aos portos de Vigo e da Coruña. Mais esa burguesía non era do país.

Xoán Carmona Badía ten estudado a orixe foránea da burguesía coruñesa ligada ao comercio do porto, Joam López Facal ofreceunos o estudo da banca local santiaguesa e agora leo Notas de Familia (Origen y legado de Olimpio Pérez) de Manuel Mª Zaera de Toledo y Pérez Blanco, un excelente traballo sobre a historia familiar e económica da súa ascendencia. Detalla o desenvolvemento da cidade de Santiago, ao principio do XIX a cidade máis grande do reino e a máis industrializada e as empresas ligadas á cidade en Carril, Vilagarcía, Viveiro... e tamén a chegada de hábiles e industriosos foráneos, como a súa familia de orixe camerano, que ocuparon o baleiro dunha burguesía autóctona. Para comprender a nosa debilidade política no XIX e XX hai que reparar na tardanza en integrarse na terra e asumir o país como seu destas familias que, por mor de tecer lazos económicos practicaron unha endogamia, permanecendo así como unha casta semicolonial superposta aos autóctonos.

Dediquei este ano ao estudo da familia Baltar de Padrón e Santiago, protectora de figuras como Rosalía e Castelao, unha burguesía autóctona e basicamente non industrial que protexeu proxectos propios. É significativo que sexa a burguesía empresarial oriúnda de Lugo e establecida en Vigo a que apoie o Partido Galeguista republicano. Trátase dun asunto de intereses, mais non se trata dun asunto racial senón cívico ou nacional.

Comentarios