Opinión

Heroísmo de bata branca

O vicepresidente do Goberno, Iglesias, pide sacrificios “pola patria”. E a Garda Civil denuncia que o Exército, que en teoría debera estar actuando baixo mando do Ministerio do Interior, “vai por libre”. Anda solto. E cada día un xeneral fai unha arenga pola televisión chamándonos “soldados”, a militarización da crise e das nosas vidas. Non é estraño que VOX pida directamente o golpe de estado, non lle deixan outra, pois este goberno do PSOE/UP xa militarizou o país.

A utilización da UME ten un sentido, foi creada especificamente para auxiliar en catástrofes, sacar os corpos do Exército a mandar sobre a poboación ten unha gravidade política tal que demostra o desfondamento político e ideolóxico deste Estado. En conxunto a cidadanía padecemos cunha grande indefensión unha regresión do Estado ás súas orixes autoritarias, centralistas e militares. E vemos como os partidos estatais son iso todos, estatais, representan e expresan este Estado borbónico.

Todo iso resulta triste e no fondo mostra a gran regresión ideolóxica e contraria á evolución da sociedade. É o regreso ao profundo machista e patriarcal. O protagonismo dun exército novamente armado e as invocacións ao patriotismo cuarteleiro son a versión retrógrada do heroísmo e son unha pura impostura. Non é certo que nos vaian salvar os militares nin a militarización da vida civil, a evidencia é que son as persoas que fan coidados quen combaten a pandemia.

O modo no que o Estado español afronta este mal que castiga a poboación é o uso da peor ideoloxía. Os heroes son fundamentalmente heroínas, maioritariamente mulleres nas profesións sanitarias, limpeza, etc, e en calquera caso non son as persoas que exercen labores de coerción ou de castigo as protagonistas, por moito que este goberno as sitúe nas nosas pantallas cada día coas súas arengas rancias, son persoas humildes, profesionais, modestas que simplemente cumpren un deber ético.

Nesta situación tan grave non nos vai salvar a testosterona que son eses golpes de peito e arroutadas momentáneas senón a firmeza e o valor civil das persoas que cumpren o seu oficio con ética. Para elas e mais eles, benzón. Os demais que calen, aparten e deixen traballar.  

Comentarios