Opinión

Días inventados

Pasou o día do San Valentín e pouca xente lembrou que era Mércores de Cinza. Un nome tan literario que deu para título dalgúns libros, a Xavier Alcalá inspiroulle o seu mellor título,“A nosa cinza”, e Miguel Anxo Murado xa foi ao directo, “Mércores de cinza”.

Seguramente que houbo moita xente que preferiu facerlle caso ao santo dos namorados e regalou cousas un a outra, unha a outro, outro a outro, outra a outra ou a quen sexa, e sempre está ben ter un motivo para regalar algo aos demais. E se non foi así, se non houbo moita xente a comprar e regalar cousas, pois é un fracaso comercial absoluto porque olla que non nos quentan a cabeza pola radio, televisión e prensa escrita co tal día.

Un día que ten a súa historia e non podía ser outra que a invención dunha empresa que xa non existe, a “Galerías Preciados” madrileña, antecedente de El Corte Inglés. A idea consistía en importar de Estados Unidos a celebración dun día que incentivase o consumo, e así se fixo desde as páxinas do “ABC” no ano 1948, así que van alá 80 anos que a xente axúdalle ese día a encher a caixa rexistradora aos comercios. Vén ser a mesma historia de “El día de la madre”, “El día del padre”, e até “El día del escolar” (aí xa pinchou), e acho que foron tamén a mesma empresa quen inventou os días.

Un día que ten a súa historia e non podía ser outra que a invención dunha empresa que xa non existe, a “Galerías Preciados” madrileña, antecedente de El Corte Inglés

 

A posguerra española foi longa e longa, así e todo desde finais dos cincuenta e durante os sesenta foise instalando unha nova cultura de consumo que coexistía coa vella cultura do fascismo medievalizante que instauraron os xenerais nacionalistas tras o golpe do 36. Desa maneira os rapaces de entón vivían baixo a ominosa ameaza da morte, a cruz na fronte, e baixo a orde de facer xexún e abstinencia (de seguro que a maioría dos lectores non saben que cousas son esas, de modo que hai que procurar na wikipedia) e, tamén, no repaso curioso aos artigos de consumo que mostraban os catálogos de “Galerías Preciados”. Non sei ben como mais chegaban á miña cidade os catálogos aínda que non houbese a tal tenda e coexistían co “Reader’s Digest” (que esa é outra historia para lembrar).

Finalmente foi o propio réxime de Franco quen foi guiando a sociedade cara os verdes prados dos consumismo e hoxe esta é unha sociedade moi consumista e os militares e curas xa parecían cousa do pasado. Mais non, o ministro Méndez de Vigo xa anunciou un plan deste Goberno para restaurar a Formación del Espírito Nacional e recuperar a vella “Enciclopedia de Álvarez” ou de Miñón, cantar o himno (alguén vai gañar uns euros escribíndolle unha letra, ou recuperarán a do falanxista José María Pemán), saudar a bandeira e xurar a constitución do rei.

A oferta que se nos fai é R ou R, ou Rajoy ou Rivera. Vén ser o mesmo, franquismo ideolóxico e saqueo dos pobres para darllo aos ricos, mais un xa vai gasto e canso e o outro vén enerxético ou dopado. A escoller. Tiña razón Calderón, a vida é un soño e vivimos días inventados por outros.

Comentarios