Opinión

Desprestixio e fracaso da corte

Temos amigas e amigos en Madrid, algúns son naturais de alí e outros foron alí traballar, veciñ@s desa macrourbe. Baixo esta pandemia non teñen un estado que os protexa. Tanto poder político, financieiro e mediático acumulado alí acabou por ser nocivo para os habitantes desa cidade e comunidade autónoma. E tamén para quen a rodea.

Madrid é un fracaso en prácticamente todas as súas dimensións. Como cidade, malia os enormes investimentos do estado en infraestruturas, é unha cidade dura para habitala; desde o punto de vista social as grandes inxustizas e a miseria están tan á vista e asumidas con tal naturalidade que ten máis aspecto de cidade sudamericana que europea. Desde o punto de vista do ambiente social a cidade é un grito, e os medios de comunicación do estado, situados todos alí, reparten eses berros. E desde o punto de vista político é unha capital dun estado dentro de Europa no que goberna a extrema dereita, que se expresa visíbelmente polas rúas.

Neste momento unha cidade dividida, enfrontada e quebrada. A pandemia rebentou todo o que xa estaba podre e a capital do estado, concello e autonomía, aparecen como un gran fracaso político e, peor, un disparate perigoso para os seus habitantes e para os demais.

A burguesía parasitaria do estado, herdeira directa dos vencedores da guerra, fixo da capital do estado un gran problema para os demais. Unha capital que crece e crece grazas á especulación, detrás de un “Gran Madrid” ven outro “Gran Madrid” , ao “dumping” fiscal a costa das demais autonomías e a unha identificación da cidade co Reino, o estado. Madrid medrou até ser unha megalópole invivíbel a costa da desertización completa do interior da Península. O que dixo Ayuso na comparecencia das bandeiras con Sánchez, ademais de afirmacións clasistas e racistas, foi revelar a natureza dese lugar tal como eles o interpretan: un disparate que temos que pagar e padecer todos.

Se se pode encerrar nun concepto e nun lugar o fracaso económico, social, cultural e político deste estado, o problema de España non é Catalunya, está en Madrid corte. Pero isto, que era tabú e conlevaba castigo dicilo até agora, xa é público.

Cantas parvadas levamos ouvido de extraños e de propios que asumían a visión dos extraños sobre nós, canta admiración infundada por unha corte provinciana. Non, non hai que mirar cara Madrid non sendo para solucionar ese gran problema. Hai que aprender dos países laboriosos, cívicos e que viven de producir e exportar, non de parasitar.

Comentarios