Opinión

Crise sanitaria e crise política

A que acabe este período de pandemia e confinamentos, a que se recuperen os ritmos do funcionamento da economía e da administración, non han tardar en convocar eleccións lexislativas. E non porque lle conveña ou deixe de convir a Sánchez e aos dous partidos do goberno senón porque o que vivimos é unha crise sanitaria, económica e social que sepultou a crise do estado tal como se reformulou nos pactos da Transición.

O estado mostra esta evidencia de crise e a súa vulnerabilidade, e tamén o seu carácter autoritario e militarista, precisamente pola obscena exhibición de forza coercitiva. Aí está esa presencia innecesaria, e absurda desde o punto da utilidade, do Exército. Trátase de garantir a permanencia da estrutura fundamental deste estado, que non son as institucións nacidas da Constitución senón a estrutura previa que son as forzas armadas ao servizo da Coroa. Trátase da monarquía.

A monarquía está cuestionada polos seus escándalos, a corrupción, o seu carácter autoritario e a súa inutilidade. O Borbón Felipe pretende utilizar a crise sanitaria e social que padecemos para representar que nos dirixe militarmente, todos a desfilar para enfrontar o virus e saír do perigo. En fin. Do que se trata é de reafirmar as estruturas ligadas á coroa existentes, desde o centralismo madrileño até as empresas do IBEX e todos os resortes dese poder viciado acumulado na corte ao redor da monarquía.

Trátase de que aceptemos a España máis reaccionaria. Trátase de evitar que se plantexen reformas verdadeiras para o que se nos aveciña, unha grave crise económica e social. O dos novos “pactos da Moncloa” teñen que buscar un novo Carrillo e pode que xa o encontraron, é para evitar que se fale de República, de autodeterminación, de federalismo, que se cuestione ese monstro de poder que é a corte, que a banca devolva o diñeiro noso que lle entregou Rajoy...

Por detrás dese guiñol de militares e “técnicas e técnicos” que comparece cada día para mover cifras arriba e abaixo envolvendo o drama humano que afronta o persoal sanitario está a desenvolverse unha operación de estado para pactar a saída deste período tan dramático. A competitividade desenfreada e irresponsábel da dereita, que lle vai prexudicar, acabará cando Felipe chame a capítulo a uns e outras para cerrar filas. E a opinión pública, conducida polos medios do poder, e angustiada pola situación de crise quere seguridade, previsibelmente vaise pregar ao redor dun goberno de salvación con benzón real.
 

Comentarios