Opinión

Churchill e Nós

Podíamos ter nacido e vivido baixo un Estado que fose unha República Federal ou Confederal Española. E non foi así, vivimos baixo un Estado fundado polos xenerais nacionalistas de Burgos e reformado segundo a Lei de Reforma Política aprobada nas cortes franquistas, que abriu paso á constitución vixente deste Reino.

E a responsabilidade disto foi do Reino Unido e, moi concretamente, de Winston Churchill. Desde o comezo da guerra Inglaterra apertou a Francia para bloquear o Goberno republicano e posteriormente foi Churchill quen saltou por riba dun Roosevelt debilitado pola doenza e pactou con Stalin o reparto de Europa e a entrega de España a Franco. Preferiu unha España debilitada, encerrada e submisa a un Estado libre e soberano.

E haberá quen diga que iso non é máis que unha fantasía. Non ten razón, as posibilidades que non se realizaron non deixan de ser posibilidades e deben ser tidas en conta para imaxinar futuros.

Quen ignora e quere facernos ignorar o que ocorreu no pasado pretende encerrarnos nun presente que lle interesa. Quere que pensemos que o réxime dos militares que gañaron a guerra é o máis desexábel, lóxico e natural. E que quen se opuxo eran “terroristas”, criminais, bandoleiros. E non.

Franco foi Mussolini e Hitler, e a guerrilla e os resistentes republicanos que loitaron contra Hitler no solo francés e no monte e nas cidades no interior foron “os aliados”. Cando nos identificamos cos “aliados” contra os fascistas na guerra europea debemos identificarnos tamén con “La Nueve”, a compañía formada por republicanos contra os alemáns e co noso maquis e a resistencia antifascista no interior.

Con esa incomprensión nos encontramos cando relatamos o ocorrido aquí nos anos 40, a loita da guerrilla e os seus apoios políticos, organizados polo PCE de entón, antes da chegada de Carrillo, e as operación policiais e militares do novo réxime para destruíla.

É tal o éxito do franquismo que se perpetúa non só dentro das institucións do Estado, como é evidente na Xustiza, no Exército, na Policía, no alto funcionariado…, tamén na conciencia de xeracións nacidas despois de Franco. A ideoloxía do franquismo é rexeitar a loita guerrilleira e antifascista e identificarse cos vencedores da guerra.
Con esa resistencia nos encontramos, e somos moi conscientes dela, cando reivindicamos a decencia das persoas que foron procesadas, presas, fusiladas, encarceradas por actividades contra o réxime. A decencia estaba de parte deles e non na outra parte.

Comentarios