Opinión

Carvalho Calero segue vivo

Cando a Real Academia Galega anunciou que dedicaba o próximo ano á celebración da figura de Ricardo Carballo Calero de primeiro pensei que era un erro, negándolle a Ricardo Carvalho Calero o dereito ao nome de autor que el escolleu conscientemente o que facían era porfiar cun morto.

Era un erro desde o punto de vista de que el non se podía valer para se defender e reclamar que respectasen o seu nome, tamén era unha posición discutíbel e mesmo censurábel desde o punto de vista moral pois non lle negaran o nome de autor a ningún autor ou autora anteriormente celebrados. É sabido que hai intelectuais e escritores cuxo nome de autor non se corresponde co que lles foi inscrito no rexistro civil non tendo feito o trámite administrativo de corrixilo. Mais logo que cavilei comprendín que se a RAG porfiaba con Carvalho non lle faltaba ao respecto senón que lle recoñecía o estar aínda vivo. Desta maneira é a primeira vez que esa institución homenaxea unha figura viva.

Inicialmente celebrei o acordo da escolla da súa figura para os ritos desa anuais desa institución, era unha débeda xa moi atrasada e a oportunidade de recoñecer oficialmente a realidade dun outro modo de comprender a nosa lingua galega, era unha oportunidade para un diálogo que nunca debera ter faltado. Mais logo veu o dos límites no que a RAG pretendeu fixar esa celebración, ese “Carballo” inicial evidenciou a pretensión dunha redución ou mesmo amputación dunha parte moi transcendente do seu labor, do seu pensamento e da súa vida que atinxe á figura mesma dese intelectual e escritor.

Arestora, se non hai unha mudanza na actitude da RAG e, como consecuencia, no sector militante nas posicións lingüísticas de Carvalho entraremos novamente nunha innecesaria etapa da disputa pública en torno do cerne da cuestión, a idea e a natureza histórica da lingua galega. Aínda que, dependendo do resultado final, reabrir ese debate en público puidera ser ben un novo desgaste da imaxe da nosa propia lingua ante a nosa sociedade ou ben un esclarecemento e un acordo lingüístico final en torno da nosa lingua.

Por unha vez, prefiro ser prudente, hai cousas que non son para facer fóra do seu propio ámbito. O fútbol está para iso, para que calquera teña o dereito a opinar e tomar parte, mais as cuestións científicas deben ser tratadas no espazo científico e as cuestións políticas e ideolóxicas, e toda lingua é política e ideoloxía, son material explosivo e perigoso tanto para os usuarios como para os coetáneos. Agardo que a RAG non teime en porfiar con esa figura viva que é Ricardo Carvalho Calero, agardo que senten a conversar calmadamente en torno da mesa dun café tranquilo ou dunha saliña particular. Pois son dominantes os poderes que serven á colonización lingüística do cativo imperio madrileño e non hai cousa que máis lles preste que unha boa disputa en público.

Partimos das discrepancias e mesmo de resesas leas e feridas, collamos aire todos e todas e miremos de atravesar con ben esa celebración institucional a unha figura co seu contido completo, sen ralearlle nada. Comecemos polo respecto sincero e probemos a conversa cortés, pode que logo dea paso ao diálogo. Madia leva.

Comentarios