Opinión

Cartas dun escritor

Nestes días nos que a democracia segue a ser unha boliña a dar voltas na ruleta do casino da Corte, e no que a aposta é non só a democracia senón o dereito da sociedade catalá a decidir por ela mesma e non ser sometida, un intenta seguir a respirar mentres nos deixan.

Ando a rematar de ler un volume das cartas enviadas polo escritor xudeu e norteamericano, as dúas identidades importan, Samuel Bellow. Hai cinco anos que merquei o libro e á fin dou chegado a cabo, non por falta de interese. Estou a ler as últimas cartas dun vello que non sabe que esas cartas son as últimas (eu sei agora os anos aos que morreu, el non o sabía cando escribía, ditaba, esas cartas), é interesante esa perspectiva distante dun deus contemplando a un humano que vai morrer e non sabe cando (“Señor, dame a coñecer o meu fin/ e o número dos meus días”, salmo 39).

Estou a ler as últimas cartas dun vello que non sabe que esas cartas son as últimas

No decorrer da lectura o correspondente fala de todo, segundo evoluciona a lectura ás veces simpatízame máis e outras menos, ás veces concordo cos seus puntos de vista e ás veces non (e por que había Below concordar comigo?), mais sempre hai algo dun valor inigualábel, a súa liberdade íntima e o seu valor moral para defender o que el considera honradamente que é xusto. Un escritor que non se oculta a si propio nada do importante, que non se concede unha finxida inocencia: “tiven que decidir hai anos entre escribir inglés ou en yiddish”.

Hai xuízos sobre escritores e escritoras contemporáneos seus, esfórzase en facer xuízos tan libres como ecuánimes, un afán de xustiza que estimo. Gardo dous que me interesan particularmente, sobre a Hanna Arendt (tamén sobre a súa amiga Mary McCarthy) e sobre o Georg Steiner.

Sobre Arendt fai un xuízo estendido e matizado que non cabe aquí, interésanme a observación de que era “monumentalmente vaidosa e unha tocapelotas insoportábel”, isto non debe molestar á xente que a respecta, mesmo á que a idolatra, e apunta unha cousa que axuda a comprender aspectos da súa figura e algúns dos seus pasos vitais cando detalla o seu apego e mitificación da “alta cultura” europea.

Fica máis perto de nós o Steiner, de quen di ser “insoportábel” e a quen atribúe o seu “elevado lustre e esnobismo”. Compartiría con Arendt “ese pavonearse cos farrapos da vella tea gloriosa (...) da Vella Europa”. Cando lin ao Steiner, grazas á revista valenciana Debats e logo nos seus libros, resultoume unha lectura moi estimulante mais sempre percibín ese resaibo a pose esnob nun grao elevado de máis, mesmo para min.

Steiner, xudeu ao cabo e coñecedor á forza do que é ser “outro” e do que é ser minoría, ten argumentado moi ben o valor do distinto e do minoritario e a razón do “outro”, mais foi esa pedantería dunha “alta cultura” que, sinálao ben o Bellow, xa non existe o que o levou a picar no engado que lle ofreceu un xornalista español hai uns anos preguntándolle ironicamente pola cultura en lingua galega. Steiner picou e fixo ironía da pretensión dunha cultura nunha lingua “pequena” fronte á magnificencia e o poder das “grandes” linguas, naquel caso a lingua castelá.

Cando lin ao Steiner, grazas á revista valenciana Debats e logo nos seus libros, resultoume unha lectura moi estimulante mais sempre percibín ese resaibo a pose esnob

 

Acostumados aos desprezos do nacionalismo españolista aquilo, vindo do Steiner, algúns sentímolo como unha ofensa. 

A lama e o xudre da vida cotiá enchoupada de españolismo enlámao todo, tamén o Steiner que pisou merda. Mais tamén hai que dicir que, a diferenza dos intelectuais da corte, soubo rectificar e pediu desculpas públicas e ofreceulle a unha editorial galega unha das súas obras. Ben por George Steiner. 

Comentarios