Opinión

Caeu un meteorito, as ondas chegaron hai tempo

Coidado non sexamos nós dinosauros, porque caer caeu un meteorito hai uns anos e as ondas que provocou chegan a toda parte e modifican todo.


Coidado non sexamos nós dinosauros, porque caer caeu un meteorito hai uns anos e as ondas que provocou chegan a toda parte e modifican todo. A humanidade anda a tecer nunha rede desde que saiu da África e comezou a percorrer continentes a pé, de a cabalo, en barco, en autos, avións, mensaxes, cartas, telefonía, radio, tv, internet. A Globalización é un proceso que vén de lonxe e que nas últimas décadas tivo un punto de xiro e un novo estoupido. As novas formas de comunicación e novas tecnoloxías multiplicaron a velocidade do proceso sen ter en consideración os costes humanos, xa que ese proceso está a ser pilotado por especuladores que non teñen límite político. Temos que ver, ouvir e repensar o noso tempo para desenvolvérmonos e defendérmonos nel.

A Retransición: emerxentes como deterxentes. Esa enxurrada de cambios polos efectos da globalización económica e pola presenza das novas tecnoloxías nas nosas vidas modificou as nosas vidas particulares e cambiou a conciencia e o funcionamento da sociedade. A crise custionou a viabilidade do sistema político español formulado tras a morte de Franco, evidenciou a separación entre unha sociedade que fora cambiando, e que resultou golpeada polos costes da crise, e os partidos históricos. A distancia e a deslexitimación política deses partidos foi tal que correntes políticas históricas como o socialismo español, o PSOE, e a esquerda comunista, IU, están nun serio risco de ser moi secundarios ou mesmo desaparecer. A corrupción do PP e a debilidade do liderado de Rajoy, pola outra parte, púxolle moi difícil a un sector do seu electorado manterlle fidelidade. Apareceu un baleiro político enorme. A preocupación nos poderes económicos pola desestabilización levoulle a actuar directamente no proceso político e iso é o que está a acontecer a través dos medios de comunicación, particularmente as televisións privadas: a “operación emergente” para conducir a Retransición. Un proceso que se tramou a fins do 2014 e comezou a ser manifesto desde comezos deste ano que acaba.  A operación realizouse de modo ostentoso e, paradóxicamente, resultou invisíbel para moita xente. A capacidade de fabricar conciencia destes medios na poboación é tan eficaz que mesmo alcanza a persoas tradicionalmente informadas e xornalistas profesionais. Os tanques que condicionaron e conduciron o proceso político da Transición son agora as pantallas de televisión nesta Retransición.

Os tanques que condicionaron e conduciron o proceso político da Transición son agora as pantallas de televisión nesta Retransición

O custionamento do comunitarismo e a expansión do pensamento neoliberal. Os cambios destes anos na maneira de pensar e de vérmonos foron moi profundos. En conxunto foise esvaendo o sentido comunitario e medrou o individualismo, sen sentimentos ou conciencia de pertenza a un lugar ou un país que non sexa o imaxinado polo medios de comunicación. A patria de moita xente hoxe é unha canle de televisión e espazos na Rede, maioritariamente en castelán e coas informacións e a visión centralista das cousas. As ideoloxías e estruturas que proporcionaban ideoloxía de grupo, de clase social ou nacional que non fose o estado existente foron custionadas e combatidas ideolóxicamente: os sindicatos na picota e os “nacionalismos”, que non fosen o español, caducos e perversos. Emerxeron “emergentes”: “Ciudadanos” renuncia a toda consideración social, onde o PP tiña algún reparo, pois parte do seu electorado son persoas precisadas de cobertura do estado, Rivera defende sen reparos un individualismo dos fortes para liberarse da carga dos débiles. E onde o PSOE e IU aínda tiñan unhas referencias ideolóxicas históricas ante as que tiñan que responder, “Podemos” é un mutante político que muda segundo as enquisas indican que hai cancha. Ambas formacións carecen de organización, mais iso non importa pois teñen a “operación emergente” detrás.

O fenómeno previsíbel nestas elecións é que dúas candidaturas que non teñen estrutura recibirián millóns de votos. A súa forza está nas pantallas televisivas, non nas organizacións, e así estarán nas mans desas empresas, que agora levantan e mañá, se lle interesa, destrúen. Polo de agora, acurralada a esquerda histórica e debilitados os nacionalismos alternativos ao español estas organizacións son funcionais. “Ciudadanos” é imprescindíbel, vai ser a forza necesaria para que a dereita conserve o poder e “Podemos” vai ser un cemento necesario que deteña e manteña a Catalunya. Entre nós foi unha forza destrutiva na medida en que forzou a ruptura dun proceso de unidade valiosísimo nun momento único. Nese contexto fóronse creando xeracións educadas por medios de comunicación españolizantes, nun marco mental madrileño e debilitouse a conciencia galega como país, como nación, particularmente nesas novas xeracións. A recentralización do estado non foi só na estrutura centralizada do AVE, na lexislación que recorta competencias autonómicas, senón sobre todo na conciencia da sociedade.

E onde o PSOE e IU aínda tiñan unhas referencias ideolóxicas históricas ante as que tiñan que responder, “Podemos” é un mutante político que muda segundo as enquisas indican que hai cancha

A burbulla mediática madrileña, a hexemonía do españolismo. Só nese marco ideolóxico de hexemonía do españolismo e de debilidade do galeguismo pode se entender que ex membros do nacionalismo galego, na vez de partillar a construción dunha candidatura nacional galega, se subsumisen nunha candidatura decidida e anunciada desde Madrid. Algo que hai cinco anos pareceríalle impensábel tornóuselles non só atractivo senón preferíbel. A argumentación na que se basea a decisión de reforzar as estruturas dunha organización estatal, “Podemos”, é sucintamente a mesma pola que no seu día militantes do socialismo galego decidiron integrarse no PSOE na súa estrutura autonómica, PSdG: “é mellor para Galiza estar dentro dun partido español e influír alí dentro, conservamos autonomía para os asuntos internos propios da Galiza”. Aceptar que este país non precisa organizacións políticas propias. 

Porén, un país só existe nas súas propias organizacións soberanas, a propia autonomía é entendida e as súas estruturas interpretadas de modo distinto segundo a administren partidos propios nacionais ou partidos estatais. Os partidos e candidaturas estatais, precisamente, reproducen as estruturas existentes, estruturas que na súa forma actual perxudican os nosos intereses e que non mudarán precisamente senón se ven obrigadas a iso.

Só nese marco ideolóxico de hexemonía do españolismo e de debilidade do galeguismo pode se entender que ex membros do nacionalismo galego se subsumisen nunha candidatura decidida e anunciada desde Madrid

O único federalismo posíbel. O mesmo federalismo non se constrúe por delegación ou concesión graciosa, senón porque é obrigado o pacto entre posicións soberanas e con poder. O mesmo federalismo é a construción dun poder sobre pactos e non hai pacto se unha posición non ten forza propia. Se a Galiza non ten unha forza propia independente, con quen van negociar os partidos estatais ou o Goberno? E por que vai negociar nada se non ten capacidade para existir politicamente? O próximo parlamento español afrontará, alén do submetimento ou non ás novas directrices económicas da Comisión Europea, a remodelación nun sentido ou noutro da estrutura do estado. Tería sido ben, era preciso, termos un grupo parlamentario soberano significativo. Os demais temos que arrear co que hai, coa batalla de conseguirmos deputados e deputadas que representen unha decisión política propia e soberana para que o noso país exista.

A previsíbel vitoria da dereita españolista. Absolutamente todas as enquisas din que estas elecións van ser gañadas pola dereita, os inquéritos indican que a gobernanza do PP vai ser completada con “Ciudadanos”, a forza “emergente” ad hoc. Nesta altura da campaña iso é evidente, de modo que o que temos diante non é tanto engordar as candidaturas da esquerda estatal, PSOE e Podemos, para conseguir unha maioría “de cambio” na política española como se a Galiza vai ter existencia propia nese parlamento ou non. Goberne a esquerda española ou a dereita española, precisamos existencia propia, porén se vai gobernar a dereita, como parece evidente, precisámola máis que nunca. A xente desinformada votará dentro das limitacions que se lle impoñen, a xente que sabe o anterior ten unha responsabilidade suplementaria: dar soporte á única, a única, candidatura galega. A única que non ten apoios mediáticos dos poderes, a única á que se lle nega unha presenza nos medios que lle corresponde para darllo a quen non ten dereito legal a el. A única que lle é imprescindíbel a este país. Todos e todas debemos optar, ou con “Nós” ou cos demais. Moitos teriamos gustado de chegar aquí doutro modo, intentámolo mais non nolo permitiron.

Como chegamos aquí. O nacionalismo galego chegou aquí con todo en contra e coa lingua de fóra, superado pola historia e os acontecementos, precisamente nos últimos meses fixo un esforzo enorme e valente de revisar a análise do contexto político actual e abrirse a pactos que eran impensábeis hai un ano. Todos temos aprendido, desde o mes de Maio foi outra xente quen ficou presa de análises de cor de rosa e do feitizo madrileño, ese camino de manterse atento ao que acontece na sociedade e aos cambios debera ser a estratexia en adiante. “Nós” é un camiño de optimismo, de alegría e de esperanza, non de resistencia ou de retroceder, ese impulso debe seguir. Dialogando coa xente, escoitando. No entanto, toca loitar pola única candidatura galega.        

Comentarios