Opinión

C.C.

Poderían ser as iniciais de Carvalho Calero, e habíame prestar tamén escribir sobre esa figura á que se lle negou en vida xogar o papel significativo que merecía, privándonos aos demais do que tiña para nos dar. Mais eses C.C. queren ser as iniciais de Carlos Casares.

Supoño que os académicos son conscientes de que esas dúas figuras precisamente están contrapostas e que a elección de Carlos Casares para conmemoraren o próximo ano é inevitabelmente significativa. Ambas as dúas figuras son significativas, achegarse a elas é dar con flores e espiñas, por iso logo de dar voltas incómodo decidín escribir estas liñas sobre Casares.

Encontro valores a celebrar en ambas as dúas figuras, síntome máis perto das posicións de Carvalho, mais cadroume estar máis perto vitalmente de Carlos á quen sentía como un contemporáneo, cousa que non me podía ocorrer con Carvalho. Casares, con quen tiven encontros e desencontros e á quen lle tomei afecto e do que sentín a perda.

Encontro valores a celebrar en ambas as dúas figuras, síntome máis perto das posicións de Carvalho, mais cadroume estar máis perto vitalmente de Carlos á quen sentía como un contemporáneo

Descoñecía eu que a Academia da Lingua Galega andaba a decidir a figura a conmemoraren o ano próximo e precisamente andaba eu a lembrar ao Carlos dun modo moi concreto. Cavilaba en que non hai figuras de referencia actuantes na literatura e na cultura galega e acho que é un rasgo moi característico do noso tempo. Eu, que tanto critiquei os tótems e a submisión aos petrucios nos anos oitenta (esas porfías andan naquel libriño, F.M.), hoxe diriamos con xusteza que eran figuras patriarcais, vexo tamén a utilidade e a necesidade de ter para quen ollar con respecto moral e cultural e, tamén, o rol de figuras que dean perspectiva e sexan transmisoras de memoria.

Pensaba nestas cousas mentres lía Espriu, transparent do Agustí Pons, que deseña ao artista e tamén a figura con autoridade moral sobre a cultura catalana baixo o franquismo. Unha autoridade que nacía do mérito artístico e da postura ética que tivo, tamén da necesidade de que alguén ocupase ese rol.

Entre nosoutros non houbo exactamente unha figura semellante, o que máis se lle asemella había ser a de Otero. A diferenza está en que o Otero serodio que coñecimos, con todo o seu valor, a súa valentía e dignidade, foi máis ben unha creación útil para o galeguismo obra daquel demiurgo chamado Ramón Piñeiro. Piñeiro era coñecedor da utilidade de instituír figuras, comprendía que o galeguismo precisábaas para subsistir naquela sociedade en ruinas morais e culturais e sabía tamén que eran parte da súa particular loita de liñas dentro do galeguismo. Piñeiro que receaba dos comunistas foi un fervente practicante do leninismo.

E chegados aquí hai dous puntos de vista para continuar. Un, o que menos interese me ten, é o rol do Carlos Casares como unha figura naquel taboeiro de xadrez que foi a cultura en lingua galega desde o final dos anos cincuenta até os anos noventa. Aí habería que deseñar o perfil da complexa relación dun mozo e un home maior sen fillos, dun escritor lexítimo que aspiraba ao que cría que lle pertencía, dun artista que loitaba por espazos de poder con todas as armas de que dispuña contra outros artistas, dun estéril enfrontamento entre escritores arredor de “Galaxia” e arredor de Méndez Ferrín, dun home que se transformou en institución en si mesmo, de alguén atrapado na súa propia biografía, de un intelectual con perspectiva de época e capaz de racionalizar problemas no medio dunha cultura dominada polo irracional, dunha figura pública case contraria ao home na penumbra...Nese sentido, Carlos está aínda perto de máis de nosoutros, os vivos, como para poder ser xustos e ecuánimes.

Un escritor lexítimo que aspiraba ao que cría que lle pertencía, un artista que loitaba por espazos de poder con todas as armas de que dispuña contra outros artistas

Inevitabelmente o ano próximo será celebrada a súa estatua de cartón e as vellas xenreiras que perduran entre os vivos serán comentarios solertes e murmuracións que non terán cabida, como é lóxico. O que si, quen o tratou, porfiou con el e lle quixo tamén lamentará non poder celebrar a memoria completa do home complexo, agónico e atormentado que foi, pois Carlos meréceo.

O outro punto de vista é a reflexión sobre a desaparición, acho que definitiva, de calquera intento de tutelar ou presidir a literatura e a cultura. Ou, probábelmente, dun proceso profundo de transformación da cultura occidental, o esborrallamento da cultura como institución, tragada e integrada nos “media”, o espectáculo e o mercado. Casares, un epígono sacrificado e entregado a unha causa, contemplou a desaparición dun mundo. Con todo, non fico na boca con sabor amargue pois constato ao redor un mundo fértil, aínda sen forma, de novos creadores na música, na imaxe, no teatro, no texto...Editores, creadores en lingua galega ou dando as súas achegas ao patrimonio dun país por facer...Unha agra aberta na que non sabemos moi ben como orientarnos, para onde atender antes, mais que está aí. E sendo creadores novos sen aparente necesidade de tutelas son ben distintos do “pijismo” madrileñista que irradiou nos últimos tempos, o feito de sabérense creadores nunha lingua e dun país negado dálles unha perspectiva histórica, nacional, que lles proporciona trascendencia e os salva da banalidade e da cultura “sexy” e “guai”.

E coido que Carlos tamén comprendería o que temos diante, era tan intelixente como aparentaba e máis moderno do que semellaba. Porén, ver este cambio de época incrementaría a súa melancolía, a súa conciencia de fracaso vital. Bastantes veces facemos en falta a súa presenza mais realmente o seu tempo como figura pública xa pasara cando o home rebentou e expirou. Como habemos facer todos.

Comentarios