Opinión

Biografía para Piñeiro

Un amigo dime do "diñeiro dos americanos" que podería ter chegado a Ramón Piñeiro. Tantas veces que teño ouvido falar da relación de Piñeiro coa CIA, mesmo relato de situacións concretas. Un xa non sabe o que pensar. Cando nos sentimos frustrados e sen esperanza só resta expresar a xenreira co maldicir que hai de verdade e de mentira ou de folklore nas relacións ideolóxicas e, mesmo, os contactos entre o personaxe Piñeiro e os axentes da estratexia dos EE.UU para Europa e España? Eu non o sei.

Apenas tratei a Piñeiro nunha única ocasión de utilización mutua, eu quería a súa versión dos seus pasos para incorporala e contrastala nun relato sobre a esquerda e o nacionalismo galego e el quería deixar asentada e explicada esa versión. Deume unha versión razoada, mais faltaban cousas.

Non me coubo dúbida de que estaba a tratar cun duro militante, un conspirador, un outro conspirador se prefiren. Con alguén que actuara dun modo calculado movendo peóns nun xogo táctico para ocupar espazos de poder. E así llelo escoitei a el e a outros elementos implicados nese xogo dun modo descarnado en máis dunha ocasión. Cando se fala de sectarios entre nós non hai que buscalos só nun lado, hainos a cada lado.

Temos agora unha gran biografía de Castelao de Miguel Anxo Seixas, a nación argumentada, a Galiza exiliada e non realizada. Fáltanos unha biografía de Piñeiro, a nación arrombada, a Galicia adaptada ás circunstancias históricas do franquismo e posfranquismo, esta situación que temos diante e que vivimos.

Coñecer o que foi a súa "Realidade Galega" será o que nos permita comprender a nosa realidade galega. Pois o piñeirismo foi un vector político no xogo posíbel baixo o franquismo, escribiu o relato da cultura galega do século XX e deseñou e ocupou as novas institucións culturais e mesmo nun determinado momento as novas institucións políticas.

O triunfo desa estratexia dentro do galeguismo só foi posíbel nunha competición con outros intentos e gromos aos que foi apartando no momento de nacer ou conseguiu minorizar e debilitar. E si que temos constancia da súa belixerancia fronte a outras liñas posíbeis. Non hai triunfo político sen derrotar competidores. Se un día alguén escribe esa biografía terá que investigar os outros intentos que foron ficando á marxe desa estratexia que soubo adaptarse e formar parte deste tempo, sendo a paisaxe invisíbel, o argumento que lexitima esta realidade galega.

Comentarios