Opinión

Avivar a cultura

Hai uns días liamos da presentación dunha biografía do poeta que coñecemos como Díaz Castro e o biógrafo mostrábanos o seu proceso de formación intelectual e a súa evolución desde o integrismo franquista até un galeguismo sentimental e cultural conservador. Un aspecto esencial da súa figura que non nos contaron no ano dedicado a el pola Academia, ou mellor que nos foi ocultado pois non era cousa secreta senón evidente.

Haberá quen pense que revelar o que outros ocultaron é unha actividade destrutiva; non tal, é construtiva. E tan avivadora como a decota das árbores que corresponde cada ano por estes días do inverno. O traballo do biógrafo o que fai é permitirnos o ser maiores de idade e non ser tratados cun falso paternalismo que pretende que sexamos sempre meniños. A evolución do pensamento do bo poeta Díaz Castro mostra que, procedendo como tantísima xente dun medio conservador que acrecentou o seu conservadurismo nas tensións da II República e da guerra e o franquismo, foi capaz de abrirse, xa maduro, a novas experiencias e aprendeu das súas vivencias. Sen iso a súa poesías carecería de interese.

Haberá quen pense que revelar o que outros ocultaron é unha actividade destrutiva; non tal, é construtiva

 

Como escribín hai trinta anos, a celebración do Día das Letras foi no seu momento unha iniciativa intelixente e cun formato que acaía ben naquel tempo de dificultades mais desde hai tempo vén sendo un ceremonial triste e máis propio dunha cultura e lingua sen futuro que unha celebración da vida. Se a Academia quere celebrar cada ano a unha figura morta iso pode ter o seu sentido, agora que iso sexa o argumento do Día é ben triste.

Desde hai tempo o Día das Letras vén sendo un ceremonial triste e máis propio dunha cultura e lingua sen futuro que unha celebración da vida

 

É preciso que o tecido asociativo e o activismo cultural e educativo encontre outro modo de mostrar que estamos vivos. O Sant Jordi é un exemplo de como unha industria do libro e unha cultura sabe establecer un vínculo coa sociedade e transformar a celebración e o apoio á cultura nun día de festa. Editores, escritores, lectores, activistas da cultura, algunha cousa haberá que inventar.

Comentarios