Opinión

Até sempre

Vai facer un ano, esta ano tremendo, deste "Nós". Vai tamén un ano que escribín neste lugar que me prestaron cada semana, que non é meu, que é do diario e así debe de ser e así o debemos de saber. E devolvo o que me prestaron para coller folgos.

Os medios de comunicación teñen dono, quen pense que a súa voz é tan forte en por si está ben enganado, comprobei como cando o que dis molesta chímpante fóra, ás veces de vagar e outras de contado. E tamén vin como escritores, intelectuais, xornalistas... van acomodando o ton conforme vai virando a liña do medio no que escriben, ás veces para non perder o traballo do que viven e outras o poleiro que lles outorga diñeiro, autoridade e predicamento. A relación entre alguén que opina e a propiedade do medio sempre existe e é unha relación de poder como calquera outra na vida.

Levo uns trinta e cinco anos opinando baixo o meu nome de autor e hai tempo que contei que pasaban dos mil artigos. Imaxinen canta repetición non haberá neses artigos repartidos por distintas cabeceiras, son consciente de que son teimoso e repetitivo, quen me teña seguido a opinión un pouco sabe de antemán o que vou dicir de calquera cousa. Estaría ben o poder sorprender, ofrecer sempre puntos de vista diferentes. Máis divertido é. Hai anos un columnista madrileño censurou o meu "militantismo", e tiña razón en que padezo diso e pode que tamén a tivese en que é censurábel, que lle habemos facer.

Nalgún momento pregúntome que escritor tería sido, que perfil, que figura tería sido se non me tivese dedicado a emitir esas opinións. Se tivese escrito sobre música, literatura, cinema, bibliotecas, paseos..., que son cousas que me prestan tanto como moitas outras. Pura especulación, non está no carácter e non estaba no destino. Hai o que houbo.

E serve de algo ese militantismo nas mesmas teimas, serviu de algo insistir pretendendo cambiar as cousas? O ánimo dime que non, mais debo contestar que insistir serve. Todos precisamos que alguén faga o traballo de razoar e analizar as realidades históricas e sociais na vida diaria, non todos temos tempo e vagar para iso. A función dos intelectuais e xornalistas é esa, outra cousa é que teñan os medios e a vontade para poder cubrir o seu traballo con ética.

Neste xornal permitíronme dicir o que quixese todo o ano. Claro que tamén as liñas do meu pensamento caben dentro da liña editorial do diario. Nun tempo no que as empresas de comunicación todas son militantes ou, mellor, instrumentos do poder establecido e, mesmo, sicarias. Un tempo malo para o xornalismo e a liberdade de expresión.

Un tempo no que, como sempre, hai que insistir no antifascismo. Ben quixera podermos ser simplemente demócratas que vivimos no noso país, a Galiza, mais correspóndenos seguir sendo antifranquistas. Até sempre.

Comentarios