Opinión

Ás veces, Ferrol

Ás veces venme á memoria Ferrol. Como non vivo alí, e como esa cidade está tan pouco presente na vida pública galega (mais, e hai sequera vida pública alén da propaganda e botafumeiro a Feijóo?), teño que facer memoria de que hai alí unha cidade linda nunha das nosas rías. Ferrol é unha cidade linda nunha decadencia atroz, unha cidade que foi alegre e aínda é cantadora de habaneras e cidade confiada.

Iso foi o erro, confiar nun estado que deixaba caer un maná en forma de traballo asegurado. Agora percíbese alí que o estado, que pode ser tan proveedor que outorgue os seus dons en forma de presupostos, tamén é despiadado e poderoso e esmaga á cidadanía que discrepa ou retira a súa protección é deixa caer unha cidade que sostiña nas súas mans. Ferrol está así, a caer sen que lle importe ao estado que a creou como é e sen que tampouco nos importe aos galegos que non somos de alí. Esa cidade só pode ser salvada para os seus veciños e para nós se nos comportamos como cidadáns dun país digno e capaz a afrontar os seus problemas, esa cidade é un desafío que debe asumir a Galiza, só cunha ollada de país, só cunha política nacional galega poderase invertir esta inercia histórica na que está. Non pode ser política meramente local nin submisión aos dictados dos intereses madrileños a que lle dea un rumbo a Ferrol, un rumbo que ten que ser novo.

Ferrol está así, a caer sen que lle importe ao estado que a creou como é e sen que tampouco nos importe aos galegos que non somos de alí

 

Mais sen esa ollada e esa política de país que vai ser de amplas zonas do noso país? Que vai ser de terras de Lugo, de todas as que forman a provincia de Ourense, tan escrava de si mesma? Precisamos dirección nacional máis que nunca ou só serán viabeis unhas partes do país e o resto será necrose e pasto de eucalipteiras foráneas, a mafia de ENCE e o PP das “portas xiratorias”.

Comentarios