Opinión

Aquilino e Óscar

Nun congreso de filosofía en Lleida (de qué de cousas non falo eu e non debera!) o profesor Ramón Torné e Teixidó regálame un exemplar de “Els Perses” de Esquilo, notas e tradución ao catalán súas, e sorpréndeme citándome ao Aquilino Iglesia Alvariño e as súas traducións e a súa erudición. E resúltame conmovedor, no país do Aquilino nunca vexo que se lle nomee.

Mais Catalunya, sendo un país sen estado, é unha nación culta e hai unha recepción dos clásicos da cultura occidental, e tamén da oriental, para a súa lingua. Non lembro ben por que lembrei isto, debeu ser porque devezo porque o meu fose un país culto no que puidese sintonizar unha emisora de radio que me ofrecese, alén da música pop e popular, tamén música culta. Culta, si. Poder vivir desde a miña lingua e desde o meu país tamén como un cidadán que dispón dos recursos para disfrutar dos bens da cultura e non limitarme a ser consumidor de banalidades. Aínda que un tamén guste das banalidades.

E marcho, que teño que marchar á presentación dunha publicación do Óscar Pazos, “España sin Cataluña”. Óscar é o autor dun libro imprescindíbel, “Madrid es una isla”, e non esaxero nada.

Comentarios