Opinión

Antropoloxicamente galeg@s, civicamente galeg@s

Hai persoas de natureza pasivas que fican aí e agardan o que a vida lle vai traendo e, se teñen sorte, non é unha mala forma de vivir, e hai outras que miran pola vida aquí e aló, de natureza activa. O Dionisio Pereira é unha persoa activa e leva dentro un detector.

Coñezo persoas que dun modo natural detectan o poder, levan un cataventos interno que detecta de onde vén a brisa sempre, non é un xuízo moral pois é a súa mesma natureza e na vida das especies somos necesarios todo tipo de individuos. Dionisio é da xente que leva dentro un imán e detecta non o poder senón as consecuencias do poder, as feridas (e tampouco é un xuízo moral, pois como dixen penso que debe haber de todo na vida). É un autor de libros que nos ofrecen un camiño distinto do habitual a cada asunto.

Se queremos saber do ocorrido no 36 aquí el vai e cóntanos a historia dos anarcosindicalistas e se queremos saber dunha guerra ocultada, a do Rif, cóntanos “Galegos nas guerras do Rif. Paisaxe bélica e imaxinario anticolonial (1860-1927)”. (Monografías do Instituto Galego da Historia. Monografías Murguía).

Dionisio é da xente que leva dentro un imán e detecta non o poder senón as consecuencias do poder

 

No comezo do libro refírese a unha novela reportaxe do Ramón J. Sender, un escritor errabundo de ideas e tamén de obra, por veces magnífica, é o caso de “Imán” onde noveliza o chamado “desastre de Annual”, un episodio decisivo na historia do Reino de España. E tamén no comezo dese romance do Sender aparece un episodio que sempre lembrei con interese porque é unha ollada dun intelectual español sobre os galegos recoñecéndoos con extrañeza e caracterizándoos como distintos. O curioso é que aquel grupo de reclutas galegos que canta na súa lingua e mesmo apáñase para ter unha gaita e danzar tamén recoñece ao reporteiro Sender como non galego. Lembro que cando este se achega a eles con estrañeza, non debeu ser moi respectuoso, un deles mándao marchar, bótao fóra e dille cousa así como “ti nin sequera es galego”.

Un episodio no que se manifestaba que a principios do século XX os galegos tíñanse por tales dun modo integral, como unha identidade plena e absoluta. Antropoloxicamente galegos. É interesante coñecer o proceso desa perda de identidade que non se transformou nunha nova identidade nacional, senón na aculturación e no subsumirse na identidade nacional española, sendo simplemente “españois imperfectos”. Naturalmente non pretendo imaxinar unha nación que se poda construir sobre unha identidade étnica ou antropolóxica, as sociedades democráticas proban que o son cando admiten a diferenza e encontran un lugar para o distinto.

É interesante coñecer o proceso desa perda de identidade que non se transformou nunha nova identidade nacional, senón na aculturación e no subsumirse na identidade nacional española

 

Mais eses procesos de desaparición das diferenzas antropolóxicas e homoxeneización dirixida polos mercados e os seus medios de comunicación, non ocorreron só aquí entre nosoutros, Pasolini, un dos intelectuais europeos máis lúcidos, se non o máis, da segunda metade do século XX europeu, fixo dese proceso de destrución das identidades un dos seus temas obsesivos. O progreso entendido como colonización, como transformación das persoas en consumidores, o triunfo da razón nin sequera tecnolóxica senón capitalista é básicamente avanzar destruindo. Como entendeu o melancólico Walter Benjamin.

Asumo que sinto a perda desa identidade antropolóxica, chámenme reaccionario os “progres”, aínda que constato que é un proceso histórico inevitábel dun modo ou outro, mais deploro profundamente o noso destino nacional, no que non puidemos pasar de ser galegos antropoloxicamente e habitantes do Reino da Galiza a cidadáns galegos da República da Galiza.  

Comentarios