Opinión

Aculturizados e inermes

Estamos nunha fin de época, na fin dun periodo histórico tanto na evolución do estado e a vida pública española como o iniciado coa recuperación da autonomía, e podémolo ver de moitas maneiras. Entendo que desde o punto de vista democrático e do reparto de oportunidades ás persoas o balance final é un fracaso colectivo no que todos temos parte, uns porque conseguiron o que querían, conservar todo o poder e acumular máis riqueza, e outros porque non soubemos defender o que tiñamos nin alcanzar aquilo ao que tiñamos dereito.

En conxunto non avanzamos en civismo nin en cultura democrática mais retrocedemos en sentido comunitario. Hai unhas décadas todos entendiamos que os problemas que tiña a xente que vivía do campo eran problemas nosos, tratábase dos “nosos” campesiños e gandeiros, era un problema colectivo do noso país. Hoxe trátase como se a desaparición sistemática de explotacións gandeiras e o abandono do agricultura fose un problema particular desas persoas, desas familias, un problema sindical que só lles afecta a elas e non a nós, aos demais.

En conxunto non avanzamos en civismo nin en cultura democrática mais retrocedemos en sentido comunitario

 

Houbo cambios económicos e sociais profundos nestas décadas pasadas e fóronnos conducindo a non sermos un país, a estarmos sós cada quen cos seus problemas e dificultades particulares, que son moitas. A marcha sistemática do campo á cidade, os empregos precarios, o traballo dos medios de comunicación madrileño españois sobre as nosas conciencias, a formación dunhas novas camadas con formación alta ou media e que se sinte allea ao mundo dos seus pais e avós...Hoxe o que haxa de debate social condúceno xa non medios como “El País”, que só é seguido por un sector que defende unha identidade xeracional de xeito recalcitrante, senón canles de televisión como Antena3 ou LaSexta, do mesmo grupo empresarial, que conforman uns debates banais e unha cultura “pija” que obvia unha realidade galega compartida e integra as audiencias nunha conciencia madrileñizada.

Aí non cabe o noso país, aí só cabe a aculturación e a trivialidade “guai”. Unha sociedade conformada por esas empresas é unha sociedade indefensa e frustrada, inerme e transformada nun rabaño que cre que os seus problemas son “culpa dos cataláns” e da súa lingua. Que xa manda crer. O dominio ideolóxico do poder a través dos medios sobre unha sociedade traizoada e desvertebrada é un problema ben grave, pois oculta os graves problemas do noso país.

Comentarios